Noticias

Carmela Silva asina cos concellos de Vigo e Pontevedra dous convenios para converter "a nosa provincia na capital estatal do balonmán"

O acto de sinatura serviu para presentar o Campionato Estatal de seleccións autonómicas e o Torneo Internacional de España, que celebraranse durante a primeira semana de xaneiro


28 decembro 2017
Deputación de Pontevedra, Concello de Vigo e Concello de Pontevedra

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asinou xunto a Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, e David Regades, tenente alcalde de Vigo, os convenios que regulan as organizacións do Campionato Estatal de seleccións autonómicas e do Torneo Internacional de España "Memorial Domingo Bárcenas". Ao acto tamén asistiron Francisco Blázquez, presidente da Real Federación Española de Balonmán; Xosé Luis Pérez Ouro, presidente da Federación Galega de Balonmán; César Mosquera, vicepresidente da Deputación de Pontevedra; Chelo Besada, deputada provincial de deportes; Marta Míguez, secretaria xeral para o Deporte, e Anxos Riveiro, concelleira de deportes de Pontevedra.

Tras asinar os convenios, Carmela Silva quixo "poñer en valor o feito de que a idea de organizar estes campionatos partise de dous administracións locais como o concello de Pontevedra e Vigo que son capaces de traballar de maneira conxunta." A presidenta tamén apuntou que "é unha honra para a provincia de Pontevedra que se celebre aquí o Campionato de España de seleccións autonómicas e o Torneo Internacional de España, xa que por un lado amosaremos que somos unha potencia neste deporte e en segundo lugar porque todos estudos indican que unha das formas máis relevantes de promocionar un territorio é a través de eventos deportivos. Polo tanto é unha aposta polo deporte e pola economía."

Tamén interviron no acto o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o tenente alcalde de Vigo e deputado provincial, David Regades. En relación aos convenios asinados, Lores destacou que "hoxe esteamos xuntos a Deputación de Pontevedra e os concellos de Vigo e Pontevedra, pois isto é o que permítenos acoller eventos da magnitude destes tres torneos que acolleremos en 2018 e 2019." O alcalde de Pontevedra tamén mostrouse encantado porque "considero un acerto que esteamos apostando por este tipo de eventos deportivos."

David Regades afirmou que "para Vigo é un motivo de ledicia que xunto a Pontevedra esteamos anunciando hoxe un torneo de seleccións absolutas e un Campionato de España de base, xa que é algo moi importante para a nosa cidade polo feito de volver a estar no primeiro nivel neste deporte." Neste senso, David Regades acabou apuntando que "ogallá estes eventos sexan un paso decisivo para que Vigo volva a ter no futuro un equipo en ASOBAL."

Para rematar o acto, a presidenta da Deputación de Pontevedra fixo un agradecemento "á Federación Galega e Española por confiar na nosa provincia para organizar estes eventos."  A súa vez, o presidente da Federación Galega de Balonmán, Xosé Luis Pérez Ouro, mostrou o seu orgullo "de pertencer á familia do balonmán e de ser pontevedrés de adopción pois para a nosa provincia é moi importante traer eventos tan importantes que teñen un notable retorno na economía e na sociedade."

Pola súa banda, Francisco Blázquez, presidente da Real Federación Española de Balonmán, mostrou o seu agradecemento "de que Pontevedra siga apostando por el balonmano, incluso en muchos lugares de España tienen envidia sana de esta provincia."

O acto tamén serviu para presentar os dous torneos que acollerán Pontevedra e Vigo durante a primeira semana de xaneiro, o Campionato Estatal de seleccións autonómicas e o Torneo Internacional de España. O primeiro en comezar será o Campionato Estatal de seleccións autonómicas, que arrancará o 2 de xaneiro e rematará o domingo 7. Para este torneo, no que haberá máis de 2.000 participantes chegados de todo España, serán empregados ata 19 pavillóns (21 pistas), 6 en Pontevedra (Pavillón Municipal, Multiusos da Xunqueira, Universitario, CGTD, Príncipe Felipe, Pavillón de Marcón), 10 en Vigo (As Travesas, Navia, Coia, Lavadores, Teis, Candeán, Berbés, Coruxo, Moledo e Valladares) e tamén usaranse o Pavillón da Graña, en Marín, o Pavillón de Poio e as dúas pistas do Pavillón de Porriño.

Pola súa banda, entre o 5 e o 7 de xaneiro, Pontevedra e Vigo acollerán o Torneo Internacional de España, preparatorio do Europeo de Croacia, no que a selección nacional masculina enfrontarase a Bielorrusia, Arxentina e Polonia. España xogará os dous primeiros partidos no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra (Bielorrusia e Arxentina) e o terceiro no Pavillón das Travesas de Vigo (Polonia). Este torneo servirá aos "Hispanos" para preparar un novo Campionato de Europa, que xogarase en Croacia do 12 ao 28 de xaneiro.

Tanto as finais xuvenís do Campionato Estatal de seleccións autonómicas como os partidos de España no Torneo Internacional serán retransmitidos por Teledeporte.

Fotos