Noticias

Carmela Silva: "As administracións non estamos para asfaltar viarios, senón para garantir dereitos"

A presidenta da Deputación de Pontevedra e o alcalde de Lalín presentan a terceira Festa do Orgullo*, que chegará á capital de Deza os días 4 e 5 de maio


13 abril 2018
terceira Festa do Orgullo

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada polo alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, a concelleira Celia Alonso e os deputados de Turismo Rías Baixas e de Cooperación, Santos Héctor e David Regades, presentou hoxe no Pazo provincial a terceira edición da Festa do Orgullo* de Lalín, "o máis importante que acontecerá en toda Galicia o 4 e o 5 de maio", para "encher este espazo coas cores da dignidade, da tolerancia e dos dereitos das persoas a decidir as súas vidas: quen son, a quen queren e cal é a súa identidade sexual".

Carmela Silva sinalou que a Deputación de Pontevedra e o Concello de Lalín "somos administracións que loitamos por que todas as persoas sexamos iguais e teñamos os mesmos dereitos", algo que "só conseguiremos respectando a diversidade e a diferenza". Deste xeito, concluíu, "as sociedades que o respecten son as únicas nas que paga a pena vivir, as que exclúen son atrasadas e antigas". A presidenta asegurou que "os políticos e políticas xestionamos as administracións públicas para liderar o cambio. Non estamos para asfaltar viarios senón para garantir dereitos e facer o cambio social que constitúa sociedades onde sexamos iguais e libres, vivindo nunha contorna de xustiza social".

Carmela Silva puxo en valor que "nesta provincia hai un concello do interior que é Lalín que busca converterse en referencia para ser a capital da tolerancia e da loita pola igualdade", o que "me fai sentir inmensamente orgullosa". Pola contra, a presidenta provincial valorou negativamente que "haxa que ser gobernantes valentes para organizar estes actos cando debería ser a normalidade, porque esta festa fala da normalidade da vida da nosa xente". Por iso animou a todas as persoas a "asistir á festa rachada do Orgullo* de Lalín na que defenderemos a igualdade dun xeito optimista e alegre para facernos felices e compartir o que nos fai ser xente que vale a pena".

Pola súa banda o alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, agardou que "nas próximas décadas un evento deste tipo non teña razón de ser porque felizmente sexa unha cuestión superada", malia a recoñecer que "queda un arduo traballo nesta cuestión e en todas as que teñen que ver coa igualdade". O rexedor agradeceu "desde un goberno progresista cara a outro, todo o apoio xa que dá gusto poder celebrar estes eventos sabendo que hai unha institución supramunicipal que se sinte identificada con el". A institución provincial apoia a Festa do Orgullo* de Lalín cunha achega de 40.000 euros dentro da liña 2 do "Plan Concellos" 2018-2019.

Dentro do programa de actividades desta festa, que leva por lema "Orgullo de ser o que es, aquí tamén", resaltan o "Seminario de educación afectivo-sexual e diversidade para profesorado e alumnado de centros educativos", no que entre outras persoas participa a xornalista da Cadena Ser Celia Blanco (que Carmela Silva lembrou que participou nas xornadas "As mulleres que opinan son perigosas"), o Seminario de sexualidade "Quererme ben para quererme mellor", unha actividade de "Contos pola igualdade" e actuacións teatrais, deportivas e musicais, entre outras, nas que participará o gañador do "Factor X" británico Seann Miley Moore, que participa por vontade propia amosando "que hai xente coñecida e recoñecida que se suma voluntariamente a un grande proxecto", sinalou Carmela Silva. O pregoeiro será o xornalista e activista Alfonso Hermida, "o que resultará nun efecto multiplicador", asegurou a presidenta provincial.

Fotos