Noticias

Carmela Silva aposta pola maior formación para o emprego das persoas con diversidade funcional

A Presidenta da Deputación destaca na clausura das xornadas "Discapacidade, emprego e legalidade" que o desemprego de longa duración afecta ao 62 por cento das persoas con diversidade funcional


26 may 2016
Fegape

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, subliñou hoxe na clausura da xornada sobre "discapacidade, emprego e legalidade" que a formación superior garante unha mellor empregabilidade para as persoas con diversidade funcional.

Silva subliñou que dende o inicio da crise o número de persoas con diversidade funcional demandantes de emprego multiplicouse por tres sendo, a taxa de paro destas persoas, do 32,2%, 8 puntos por riba á das persoas sen diversidade funcional. "Amais, case dúas de cada tres persoas con diversidade en paro que demandan emprego son paradas de longa duración, é dicir, o 62% das persoas paradas con diversidade funcional son de longa duración fronte ó 44% do resto da poboación", destacou a Presidenta.

Máis de 800.000 persoas con discapacidade permanecen desempregadas "das cales o  setenta por cento son mozos e mozas comprendidos entre os 16 e os 24 anos" e os que traballan o fan con contrarios precarios e con baixos salarios. Por elo, Carmela Silva aposta por "impulsar o acceso á formación superior, porque sabemos que así incrementamos as posibilidades de inserción no mercado laboral, e apoiar o emprego e a inclusión no mercado laboral das persoas con diversidade funcional".

A Presidenta avogou por unha "integración real" das persoas con diversidade funcional abandonando a idea "caritativa" que ate pouco estaba asentada na sociedade. Carmela silva recoñeceu que nos últimos anos avanzouse moito pero "debemos impulsar a inclusión das persoas con discapacidade nos procesos económicos e produtivos que, se ben aínda existen moitas trabas e pese á lexislación específica existente no noso país para promover a inclusión laboral, ten que ser un campo prioritario de acción encamiñado á busca da igualdade de oportunidades. Porque a diversidade non é impedimento para ocupar un posto de traballo".

Por último, Silva puxo como exemplo e agradeceu o compromiso e a labor desenvolvida por empresas como "Frutas Nieves" o "Repsol" que editaron "un libro branco sobre capacidades diferentes e está considerada xa como un referente na integración sociolaboral das persoas con diversidade funcional" aínda que recoñeceu que "lamentablemente non son a maioría" ao asegurar que o "81% das empresas do noso país non cumpre coa lei de inclusión laboral das persoas con diversidade funcional". Concluíu a Presidenta demandando ao tecido empresarial do país e, máis en concreto, ao da provincia de Pontevedra un maior compromiso coa inclusión das persoas con diversidade funcional.