Noticias

Carmela Silva aplaude os "bos datos da EPA pero sinala que hai que seguir a loitar por unha maior calidade do emprego"

A presidenta provincial pon de exemplo o Plan Director Polo Emprego Digno de Pedro Sánchez "porque supón unha maior dignificación dos empregos, ese é o camiño correcto"


29 xaneiro 2019
Micrófono Depo

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, valorou hoxe "positivamente" os bos datos que reflicte a Enquisa de Poboación Activa (EPA) de 2018 e que veñen a confirmar que, tanto en ocupación como en taxa de desemprego, as cifras son as mellores dos últimos 10 anos e volven aos niveis de finais de 2008. "Todos e todas precisamos de boas noticias como estas, dixo Silva, porque xeran optimismo e son moi necesarias despois de que a nosa sociedade sufrira tanto nestes anos de crise".

A presidenta subliñou o descenso da taxa de paro "que baixou ata o 14,45 %, sendo a máis baixa en 10 anos", e tamén cualificou de "excelente noticia que o pasado ano España rexistrara a maior creación de emprego en 12 anos, con 19,56 millóns de persoas ocupadas". Silva tamén puxo en valor que "segue a reducirse o número de fogares con todos os seus membros en paro e que aumenta a cifra dos que teñen a todas ocupadas e ocupados. Tamén son datos moi relevantes".

Aínda así, a presidenta provincial sinalou que "temos que seguir a pelexar pola calidade do emprego e loitar contra a temporalidade e a precariedade". Neste sentido, Carmela Silva aplaudiu o modelo do novo "Plan Director Polo Emprego Digno" do Goberno de Pedro Sánchez. "Ese é o camiño correcto, dixo, porque se está a lograr que haxa máis cotizacións na Seguridade Social, que os empregos sexan de máis calidade e que exista un compromiso social para que a xente poida construír a súa vida con traballos dignos. Aí é onde hai que seguir a traballar", rematou.

Audios

  • Audio