Noticias

Carmela Silva anuncia que o viveiro de Barro está case ao setenta por cento da súa capacidade total

A presidenta da Deputación asinou hoxe cinco novos convenios con empresas para ocupar tres naves e dúas oficinas


14 marzo 2017
Viveiristas

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asinou hoxe cinco novos convenios con empresas para ocupar tres naves e dúas oficinas no viveiro de Barro, co que se chegou, xunto coas solicitudes xa tramitadas, a unha ocupación do setenta por cento da totalidade dos espazos dispoñibles.

Das 16 naves que compoñen o viveiro de Barro na actualidade están ocupadas once delas (mais tres que están xa solicitadas), polo que a dispoñibilidade é de só dúas naves libres. A ocupación de naves é do 87,5 por cento. No que respecta a oficinas, a presidenta subliñou que das 24 que ten o viveiro están ocupadas doce, e dúas xa están comprometidas, co que quedan libres só dez espazos. A ocupación é do 58,3 por cento da superficie das oficinas.

Carmela Silva mostrouse moi esperanzada dunha rápida ocupación da totalidade do viveiro, xa que todas as empresas destacan a localización de Barro como fundamental para a súa instalación. "Cremos que antes de que remate este semestre de 2017 a totalidade das naves estarán ocupadas e un gran número das oficinas tamén", destacou Silva.

"Para min esta firma de convenios –continuou a presidenta– é unha gran noticia porque estamos a falar de creación de empresas, de actividade económica e de creación de empregos".

Por último, a presidenta subliñou que a gran demanda que está a sufrir o viveiro demostra a reactivación da actividade empresarial e "unha situación económica de crise que está quedando no pasado, aínda que moitas persoas, no seu día a día, non o estar a notar e a están a padecer con moita crueldade, pero é certo que se está a ver movemento económico, que é unha boa noticia".

As empresas que asinaron hoxe os seus convenios son unha empresa para o tratamento de auga (100 % Agua);  unha para a elaboración e o deseño de estruturas de aluminio (Aluminium Manufacturing Componentes SL);  outra de comercio polo miúdo de produtos alimentarios (Icía Distribuciones); outra de xestoría e tramitación de subvencións públicas para pemes (Adalla Consultores); e unha de importación e exportación de peixes e mariscos (Grupo Auremar).