Noticias

Carmela Silva anuncia que o Concello do Porriño contará con máis dun millón de euros de axudas da Deputación

A presidenta da Deputación asegurou, no encontro coa alcaldesa Eva García, que no Plan de Infraestruturas se terán en conta as peticións do Concello


17 nov 2015
O Porriño recibirá máis dun millón de euros de axudas para 2016

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou hoxe na súa visita ao Concello do Porriño que esta institución recibirá máis dun millón de euros de axudas para o ano 2016. Silva informou así a alcaldesa, Eva García, do novo "Plan Concellos 2016" e do aumento das partidas económicas para cada un dos concellos da provincia.

En concreto, Carmela Silva subliñou que a cantidade que recibirá O Porriño para o ano 2016 será de 1.014.003,36 euros, fronte aos 757.924,90 euros recibidos no ano 2015. A presidenta destacou que neste novo plan se aumenta a partida total en dez millóns e se inclúe a partida de 6 millóns de euros "que o anterior presidente repartía ao seu gusto", "co cal aumentamos en 16 millóns o diñeiro que transferimos aos 60 concellos da provincia".

Isto suporá que os concellos reciban ao redor do 30 % máis do que percibían da Deputación ata o de agora. Neste mesmo aspecto a presidenta destacou que agora será O Porriño o que decida, con este novo fondo, que investimentos e proxectos porá en marcha ao longo do próximo ano.

A alcaldesa pediulle a Carmela Silva a realización de actuacións en varias estradas provinciais, que precisan de arranxos urxentes polo seu abandono. A presidenta comprometeuse a ter en conta as peticións do Porriño no futuro plan de infraestruturas que vai poñer en marcha a institución provincial.

Carmela Silva tamén anunciou o estudo, por parte do ORAL, da posibilidade de aprazamento ou fraccionamento do pago dos impostos municipais para aquelas persoas en situación económica desfavorable, unha vez realizado o correspondente informe dos técnicos do propio Concello.

Ante o conflito acontecido en máis de corenta vivendas, que pasaron a pagarlle o imposto de bens inmobles do Porriño ao concello veciño de Mos, a presidenta comprometeuse a facer algunha xestión ante o servizo de catastro, pero sempre co máximo respecto ás competencias de cada Administración e dun xeito "de constante diálogo entre todos os implicados".

Pola súa parte, a alcaldesa do Porriño agradeceu a visita pero, sobre todo, a nova política á fronte da institución provincial, da que asegurou que "agora vemos a Deputación como de todos nós e non só do Partido Popular".

Por último, Carmela Silva subliñou que O Porriño é un exemplo de como varias forzas políticas poden gobernar en conxunto cando teñen un obxectivo claro como é a mellora dos seus veciños e as súas veciñas.