Noticias

Carmela Silva anima ás bolseiras e bolseiros do Plan de Práctica Laboral a aproveitar a súa experiencia na Administración pública

A presidenta da Deputación deu a benvida ás e aos 181 integrantes do plan que repartiranse entre os concellos da provincia e a institución provincial


12 xuño 2017
Carmela Silva

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, animou hoxe ás bolseiras e bolseiros do Plan de Práctica Laboral a aproveitar a súa experiencia na Administración local e a "tomalo con ilusión e con motivación porque realmente se aprende moito porque ides traballar con técnicas e técnicos que vos van a saber transmitir toda a súa experiencia".

Carmela Silva recibiu hoxe no Pazo provincial ás e aos 181 integrantes do Plan de Práctica Laboral que puxo en marcha a Deputación de Pontevedra para os concellos da provincia e para os propios servizos da institución provincial. Este ano ofertáronse 200 bolsas, ao igual que o ano pasado, presentáronse preto de 1000 persoas e adxudicamos 181 para mozas e mozos con títulos universitarios ou ciclos formativos de grao superior de formación profesional, sen experiencia laboral previa no ámbito das súas titulacións e coa finalidade de promover e completar a súa formación en áreas de coñecemento ou actividades que poidan facilitar a súa futura incorporación ao mercado laboral.

A presidenta da Deputación recordou que as bolsas son por seis meses aínda que prorrogables outros seis meses máis, "polo que é un ano de experiencia que tamén vos pode servir para o voso currículo. Porque sempre que unha ou un preséntase nun posto de traballo se pide que a xente sexa xoven pero tamén que teña experiencia e a Administración pública é un entorno onde ides poder coller un bo coñecemento".

Silva tamén aproveitou as súas verbas de benvida para instar a todas as bolseiras e bolseiros a actuar con liberdade para comentar todas aquelas cousas que non funcionen ben, ou que se poidan mellorar "non dubidedes en comentalo porque nos tamén aprendemos de todo aquilo que consideredes porque ademais a esta administración o que nos vale é que estas prácticas vos sexan útiles", concluíu a presidenta da Deputación.

No acto de benvida tamén participou unha bolseira da anterior edición do Plan de Práctica Laboral, que prestou o seus servizos no Concello de Caldas, que comentou a súa experiencia dun ano, animando a todas e todos a aproveitar este periodo de tempo para coñecer máis en profundidade a Administración local.

As bolseiras e bolseiros irán aos distintos servizos da Deputación de Pontevedra e aos 58 concellos de: Agolada, Arbo, Baiona, Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Campo Lameiro, Cangas, A Cañiza, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Cuntis, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Gondomar, O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, Lalín, A Lama, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Mondariz, Mondariz-Balneario, Moraña, Mos, As Neves, Nigrán, Oia, O Porriño, Pazos, Poio, Ponte Caldelas, Ponteareas, Pontecesures, Portas, Redondela, Ribadumia, Rodeiro, O Rosal, Salceda, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vilaboa, Vila de Cruces, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

Fotos

Vídeos