Noticias

Carmela Silva anima á mocidade a reivindicar os seus dereitos e a loitar por un mundo mellor durante a IV Gala dos Premios á Xuventude

Un total de 34 mozas e mozos de Vigo, Pontevedra, Mos, Cambados, Ribadumia, Gondomar, Ponte Caldelas, Bueu, Tomiño, O Porriño, Nigrán, Moaña, Redondela, Moraña, Marín, Silleda, Sanxenxo e Poio recibiron os galardóns á creatividade


19 decembro 2020

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presidiu, xunto ás deputadas e aos deputados provinciais, a gala da cuarta edición dos Premios Provinciais á Xuventude, a máis singular desde a creación deste certame, ao terse que realizar cun estrito protocolo de seguridade por mor da pandemia da COVID-19. Unha gala reivindicativa e que volveu poñer de manifesto que a cultura é segura e, ademais, imprescindible.

A cerimonia, que foi presentada pola artista Cora Velasco, tivo lugar nun salón de plenos do Pazo provincial coa capacidade da sala reducida e acceso con invitación previa. Unha festa de recoñecemento ao "talento que non se confina" de 34 mozas e mozos chegados desde 18 concellos da provincia e que non renuncian a expresar as súas inquedanzas a través da música, a escrita, a imaxe, a iniciativa social ou o emprendemento empresarial.

Carmela Silva agradeceu, con emoción, as intervencións reivindicativas de moitas das mozas e mozos premiados abordando cuestións como a violencia machista, a precariedade laboral, o deterioro do medio ambiente, o maltrato á inmigración ou o castigo á cultura durante a pandemia. "Tomo nota das reivindicacións que aquí se fixeron e agradezo que faledes con liberdade, porque ese é o xeito de que as Administracións aprendamos". Silva destacou que os poderes públicos "non merecemos ningún agradecemento; as Administracións representamos á xente e xestionamos os seus recursos, así que son eu, en nome desta Administración, quen ten que darvos as gracias".

A presidenta reivindicou á mocidade nestes tempos convulsos desde o convencemento de que a xente nova está chamada a "rachar cun discurso que nos molesta particularmente e que consiste en defender que calquera tempo pasado foi mellor e que a mocidade de hoxe está acomodada e ten menos compromiso". Ao seu xuízo trátase de "tópicos absolutamente falsos, como demostrades os que aquí subistes a recoller os premios". Deste xeito, tras laiarse do "individualismo social" e a "perda de dereitos en primeira persoa para as persoas novas" , Silva contextualizou a organización destes IV Premios á Xuventude como "un intento de abrir unha fiestra" e "recuperar a alegría e ilusión que o talento novo representa".

Carmela Silva expresou as súas gañas de recuperar canto antes a música e o teatro en directo, o cine e tantas outras expresións culturais que están a sufrir nos últimos meses. Neste eido concluíu remarcando dous proxectos cos que a Deputación pretende axudar a visibilizar ás creadoras e creadores da provincia, como son a Escola de Letras, iniciativa compartida con Editorial Galaxia, e o programa "Descúbreas", co que se dá voz ás mulleres novas que buscan un oco no mundo da música.

A Gala contou coa música ao vivo de Jairo Daponte, o mozo que gañou o primeiro premio na categoría de "Outros xéneros", e que interpretou tres pezas instrumentais da súa autoría, entre elas a que lle valeu este recoñecemento. Ademais, este ano foi a presentadora, Cora Velasco, a encargada de lucir o estilismo creada pola gañadora na categoría de Deseño e Moda, Miriam Cartagena.

Os Premios á Xuventude premian os traballos presentados en oito categorías distintas por mozos e mozas da provincia de entre 16 e 35 anos, aínda que no caso do apartado de Educación en Valores están dirixidos especificamente aos centros educativos. Un ano máis, os trofeos a tódalas persoas gañadoras foron elaborados pola Escola de Cantería da Deputación.

Reacción polo Clima

A última novidade desta Gala foi a entrega dos premios do concurso de vídeo Reacción polo Clima, que gañaron Iago Rodríguez Torres e Manuel Albariñas, ambos de Marín, pola peza Inconsciente. O segundo premio foi para Carmen Villanueva Ansedes (Silleda), por Non pases de largo. En terceiro lugar, mereceu recoñecemento o traballo Pequenos xestos, grandes cambios, da viguesa Isabel González Vieites.

En canto aos Premios provinciais á Xuventude, as gañadoras e os gañadores desta edición foron:

No apartado de Iniciativa Empresarial o primeiro premio foi para o proxecto "Bilurico Ready to Drink Tea", de Iago Radio Rodríguez (Cambados), unha firma tés e infusións saudables e listos para beber. A idea comezou a xestarse no Coworking de Barro-Meis da Deputación. O segundo premio, para "UTMD STUDIO" e, finalmente, o terceiro para "AC Cutom Textil", de Vanesa Míguez González. (Ribadumia).

En Educación en valores obtivo o primeiro premio o Club da Igualdade, do IES Auga da Laxe (Gondomar) pola implicación de todo o claustro e dos seus máis de 300 alumnas e alumnos nun completo programa de actividades. O segundo, para o podcast Unha historia digna de escoitar, do IES Illa de Ons (Bueu). E o terceiro para o programa de mediación Entre iguais, do IES Antón Alonso Ríos (Tomiño).

En Contidos dixitais, apartado Audiovisual, premiouse o documental histórico de Francisco Leboso Fernández (O Porriño) Ecos da Historia, sobre o Paleolítico galego no panorama internacional, colocándoo á altura de xacementos tan importantes como Atapuerca. O segundo premio recaeu na reportaxe A UE e a crise dos refuxiados, de Marta Magdalena García (Nigrán). O terceiro, na canle deYouTube Robertowski, de Roberto Pastoriza Rodríguez. (Bueu)

No apartado de Contidos dixitais Web-Blog quedou deserto o primeiro premio. O segundo foi para Rías Baixas, destino de película, de Cristina Loureiro Martínez (Pontevedra) e o terceiro para o blog Fútbol a bote pronto, de Rodrigo Cumbraos López (Pontevedra).

No bloque de Música, apartado Outros Xéneros, o primeiro premio foi para Jairo Daponte (Mos), polo seu tema Aware. O segundo, para Helena Egea (Pontevedra), por Glass. E o terceiro para Brais Orge (Ponte Caldelas), por Keeps me high.

En Música Clásica quedou deserto o primeiro premio. O segundo foi para a pontevedresa Nuria Casas por Impromptu, unha peza pianística improvisatoria. O terceiro premio foi para Hasta aquí hemos sido muy corteses con las mujeres (F. Nietche), de Sara Mínguez (Vigo), obra composta para un conxunto de cámara.

No apartado de Banda Deseñada só se outorgou o segundo premio para Sabela Domínguez (Cambados), por unha historia en cinco páxinas sobre como unha noite calquera vendo a beleza do mundo, neste caso a lúa, pode facer que desenvolvamos unha obra artística.

O primeiro premio da categoría de Narrativa foi para O mundo dos seus ollos, de Iván Silva Lorenzo (Vigo); o segundo para A casa do Coto, de Ana Iglesias (Ponte Caldelas) e o terceiro para Ain't no sunshine when she's gone, do pontevedrés Alexandre Fernandez Peón (Pontevedra).

Xa no eido da Poesía, o primeiro premio gañouno a composición Recuerdos, de Samuel Parada (Moaña), creada durante o período de confinamento. O segundo, para Estatuas de sal, de Carolina Sertal Souto (Redondela) e, finalmente, o terceiro para Mulleres tiñan que ser, de Belén Viéitez (Moraña).

Os galardóns para os mellores traballos de Serie Fotográfica foron para Rapaces do mundo, de Claudia Gómez (Pontevedra), que obtivo o primeiro premio. O segundo recaeu na obra Do noso: paisaxe de dentro e de fóra, de Sergio Vidal (Sanxenxo). E o terceiro, para Viaxe polo norte, de Roque Beloso (Pontevedra).

O premio á mellor Fotografía foi para a imaxe Cultura segura, de Helena Constela (Poio). O segundo premio, para A velocidade do tempo, de Alma Alonso Costas (Gondomar). E o terceiro, para Xélido afervoado, de Iago Manoel Souto Lorenzo (Ponte Caldelas).

En canto á categoría de Deseño e Moda houbo un primeiro premio para Míriam Cartagena Sánchez (Nigrán), polo seu estilismo en cinco pezas, Madame de la Rue Simon Crubellier. O segundo premio quedou deserto e o terceiro gañouno Alba Vidal, de Pontevedra, pola súa colección But That's ok.

Fotos

Vídeos