Noticias

Carmela Silva amosa a súa satisfacción polo compromiso do novo reitor para dar pasos adiante no protocolo entre ambas as dúas institucións

Silva e Reigosa anunciaron a convocatoria da comisión de seguimento para novas accións e mostraron a súa vontade de avanzar cara á transferencia da Escola de Enfermería


19 xuño 2018
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, recibiu esta mañá no Pazo provincial da institución ao reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e ao vicerreitor do Campus de Pontevedra, Jorge Soto

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, recibiu esta mañá no Pazo provincial da institución ao reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e ao vicerreitor do Campus de Pontevedra, Jorge Soto. No transcurso do encontro, no que repasaron as cuestións relativas ao protocolo asinado coa universidade en decembro de 2015 para poñer en marcha diferentes iniciativas, púxose tamén de manifesto o acordo e a vontade de ambas institucións para ir avanzando de cara a que a Escola de Enfermería pase a estar xestionada directamente pola universidade.

A presidenta provincial asegurou que "temos unha relación de compromiso moi afectiva coa Escola pero o certo é que non temos competencias docentes. Por iso hai que traballar, estudar e analizar todas as cuestións para ver como se estrutura esta transferencia, establecida no acordo de Goberno, para que axiña se converta nunha realidade".

Carmela Silva asegurou que a reunión tamén serviu para recordar cuestións establecidas no protocolo de colaboración entre a Deputación e a Universidade de Vigo. Neste contexto, Silva asegurou que a través deste protocolo marcáronse "as áreas de cooperación para poñer en marcha estudos científicos que nos permitan poder tomar decisións axeitadas sobre cuestións que nos ocupan e nos preocupan". En concreto, Silva recordoulle ao novo reitor que se está a traballar coa universidade en materias relacionadas coa igualdade e loita contra as violencias machistas, en cuestións que teñen que ver coa compostaxe, e tamén no financiamento da mobilidade do alumnado no marco do programa Erasmus, "sobre todo tendo en conta que o Goberno de Rajoy dificultou que moita xente puidese de forma universal participar nesta iniciativa tan importante para a mocidade".

Ademais, a presidenta e o reitor acordaron convocar "de xeito inmediato a comisión de seguimento para analizar as cuestións que están enriba da mesa, así como para deseñar as accións a poñer en marcha ata o remate da vixencia do protocolo, no ano 2019", asegurou Silva.

A presidenta da Deputación tamén tivo palabras de felicitación ao novo equipo reitoral "polo seu optimismo e por contemplar a alegría como forma de xestionar a institución universitaria; por situar ao pensamento como centro da acción da universidade e por basearse na atención ás persoas como un modelo de xestión. Tamén por ver que este equipo conta cun número moi importante de mulleres o que está a permitir traballar cara a igualdade".

Pola súa banda, o novo reitor, Manuel Reigosa manifestou a súa satisfacción trala reunión. "Teño que vos confesar que viña a realizar a primeira visita de cortesía e xa estivemos a traballar, xa adiantamos cuestións concretas que se van abordar dentro da nada na comisión de seguimento", asegurou Reigosa. O reitor tamén amosou a vontade de "seguir avanzando na mesma liña, con transparencia e coñecemento mutuo para tratar de mellorar a vida das persoas" e, sobre a transferencia da Escola de Enfermería, destacou que se trata dun "obxectivo compartido".