Noticias

Carmela Silva: "a formación é fundamental para construír unha vida digna á que todas e todos temos dereito"

A presidenta provincial participou na entrega dos diplomas dos cursos de alfabetización para persoas adultas de Radio Ecca. "Para min vir aquí é un xute de forza e valentía"


13 novembro 2018
Entrega de diplomas radio Ecca

Un total de 15 persoas recibiron hoxe en Vigo os diplomas dos cursos de alfabetización para persoas adultas organizados por Radio Ecca Fundación Canaria e financiados pola Deputación de Pontevedra. A presidenta Carmela Silva e a deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, participaron neste acto no que, dixo Silva, "é un orgullo estar, xa que para as persoas como as que estades aquí sempre todo é moito máis duro, e polo tanto, non cabe renderse nunca, hai que optar sempre por formarse e seguir adiante".

Nunha actividade na que as persoas beneficiarias son inmigrantes ou persoas en risco de exclusión social, Carmela Silva, mostrouse moi emocionada porque "veñamos de onde veñamos, todos e todas temos que estar integrados onde vivimos. Unha sociedade sempre poderá recoñecerse como tal cando é capaz de acoller e integrar a todo o mundo". A presidenta enxalzou tamén o papel da educación e da formación como fundamental "para construír unha vida digna á que todos e todas temos dereito. Formarse é vital para saír adiante e para atopar un traballo e formar parte así do territorio onde vivimos".

A presidenta provincial destacou o traballo incomparable que realizan entidades como Radio Ecca, que comezou fai moitos anos a impartir actividades formativas centradas sobre todo na alfabetización e na formación básica para as persoas con máis dificultades, "enormemente agradecida ao seu labor como cidadá e como política, xa que manteñen e contribúen a construír unha sociedade mellor. Para min vir aquí é un xute de forza e valentía".

Silva amosou o compromiso do Goberno provincial para seguir apoiando iniciativas como estes cursos que hoxe remataron, "xa que é unha obriga nosa e un dereito voso financiar actividades así, pois todo o mundo ten dereito a que haxa opcións e infraestruturas para poder formarse e ter oportunidades de acceder ao mercado laboral". A presidenta explicou que os e as políticas só son representantes da xente, "así que a nosa primeira misión é escoitar sempre o que nos di a xente e despois trasladar iso ás políticas que facemos".

Radio Ecca Fundación Canaria entregou hoxe en Vigo, na sede da Deputación, os diplomas da última edición dos seus cursos de alfabetización para persoas adultas, financiados pola Deputación de Pontevedra cunha achega de 10.000 euros para un proxecto global que abrangue accións formativas de alfabetización, post-alfabetización e orientación laboral. O obxectivo é facilitar unha formación básica, ao tempo que se axuda e orienta no acceso ao mercado laboral.

Na última edición destes cursos participaron un total de 15 persoas inmigrantes ou en risco de exclusión, maiores de idade e residentes no concello de Vigo.