Noticias

Carlos López Font visita as obras realizadas en Vila de Cruces

A Deputación de Pontevedra achegou preto de 900.000 € ó concello de Vila de Cruces durante o 2016


24 nov 2016
e Salvaterra do Miño
Vila de Cruces

O deputado de Economía, Facenda e Réxime Interior da Deputación de Pontevedra, Carlos López Font, visitou esta mañá as obras de acondicionamento da zona verde do Camballón, en Vila de Cruces, que se puxeron en marcha ó abeiro da liña 1 do "Plan Concellos 2016", acompañado polo alcalde, Jesús Otero. Para a realización deste acondicionamento, o concello de Vila de Cruces recibiu preto de 30.000 € da institución provincial.

O alcalde trasladou persoalmente ao deputado que está moi satisfeito co modelo do Plan Concellos e explicou que neste momento non ten moi avanzadas as obras do mesmo por priorizacións debido aos escasos prazos de execución de obras financiadas por parte de  outras administracións, pero asegurou que en breve estarán todas as obras en marcha.

En canto a reposición do céspede do campo de fútbol do Camballón, o deputado trasladoulle o alcalde que o pasado 16 de novembro de 2016, procedeuse a apertura dos sobres "C" para a contratación da obra. Das 18 empresas que se tiñan presentado a este concurso quedaron excluídas catro de elas por non acadar a puntuación necesaria. Ademais as outras catro, que  ofertaron valores anormales e desproporcionados, solicitouselle  que xustificaran os mesmos. Coa resposta de estas catro empresas será o momento de emitir o informe técnico que avalie todas as propostas para elevalo á mesa de contratación e se faga a  proposta de adxudicación do contrato, momento no que poderán empezar as obras

Carlos Font comunicoulle tamén ao alcalde  que as obras que onte se aprobaron no pleno do Concello, a través das mocións dos diferentes grupos municipais, son en todo caso obras que se adaptan perfectamente aos criterios establecidos no Plan Concellos 2017 e que a Deputación estará en absoluta disposición de que se executen con cargo a ditos fondos, xa que representan dous aspectos que consideran esenciais na acción política provincial, o respecto polo patrimonio e a seguridade viaria

O concello de Vila de Cruces recibiu, este ano, un investimento total de preto de 900.000 € da Deputación de Pontevedra, dos que o deputado provincial, Carlos López Font, salientou os 591.000  € do "Plan Concellos",  os 60.000 € destinados a cohesión social e xuventude, os máis de 30.000 que se achegaron ó fomento do emprego, os 27.000 € investidos en mobilidade, os 18.270 € dirixidos a cultura e lingua, os 9.900 € destinados a deportes e os 9.800 € para o fomento da igualdade entre mulleres e homes.

A Deputación de Pontevedra destinou á Vila de Cruces preto de 900.000 €, isto é, un investimento de 162 € por habitante. Resalta o orzamento do "Plan Concellos 2016", que por valor de preto de 591.000 €, supuxo un aumento de preto de 181.000 € respecto ao ano anterior. A liña 1 do "Plan Concellos 2016" achegou 364.305,97 € á vila cos que se están a realizar obras e servizos como as melloras dos camiños Barral-Fontarcada e muro de contención en Outeiro, o acondicionamento dun camiño en Candañedo-Camanzo, a pavimentación dos camiños Ferradal e Chopo, beirarrúas e servizos na rúa Amable Durán Bergueiro, melloras no camiño de Santomé de Obra, acondicionamento da zona verde do Camballón, reparación do local social de Besexos, adquisición dunha máquina retroexcavadora e proxectos de pavimentación do acceso do colexio de Piloño e do acondicionamento da zona recreativa do entorno do auditorio de Gres. Tamén a través da liña 2 se amortizou gasto corrente por valor de 88.700 €, da liña 3 se achegaron 22.161 € para actividades en Vila de Cruces e, mediante a liña 4, se crearon 11 postos de traballo nos servizos municipais cun investimento de 116.000 €.

Á marxe do "Plan Concellos 2016", Vila de Cruces recibiu 18.270 € para o fomento da cultura e lingua na vila, con máis de 22 actuacións do Pontegal e axudas para a dinamización lingüística, para a rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico cultural e para actividades enmarcadas no Ano Castelao. Tamén se destinaron 60.000 € para cohesión social e xuventude, ben a través dos servizos sociais comuntarios, da axuda básica de emerxencia ou da teleasistencia domiciliaria (da que se benefician 10 persoas), ben mediante os programas "En Ruta coa Depo", "Depo Rúarte", "Tecendo lazos" e "Depo Aventura A Lanzada".

Do mesmo xeito, Vila de Cruces recibiu máis de 9.900 € para o deporte federado de base e para a escola deportiva de patinaxe, así como 9.800 € destinados ó fomento da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes a través do programa "Conectadas", no que están a participar 11 asociacións da vila.

Amais, a Deputación de Pontevedra destinou máis de 30.000 € para a inserción laboral e o fomento do emprego no concello de Vila de Cruces. Así, dúas persoas bolseiras están a desenvolver a súa primeira experiencia laboral no propio concello e outra nunha empresa do municipio. Tamén se achegaron investimentos por valor de 27.000 € para obras de sinalización horizontal nas vías provinciais que transcorren entre Caseda e Brandariz, Merza e Bascuas e Bodaño e Berza.