Noticias

Carlos Font visita en Meis as obras da reforma da praza de España de Mosteiro financiadas pola Deputación de Pontevedra

O proxecto está financiado polo ente provincial na súa totalidade, a través do Plan de Reequilibrio e o Plan Concellos, e conta cun orzamento de preto de 300.000 euros


16 novembro 2018
Carlos Font visita as obras de Meis do Plan de Reequilibrio

O deputado de Cooperación, Carlos Font, visitou este venres, acompañado do concelleiro de Urbanismo de Meis, Eugenio Fernández, as obras de reforma e adecuación da praza de España de Mosteiro para eliminar as barreiras arquitectónicas existentes e adaptar dito espazo ás necesidades das persoas con diversidade funcional. A obra, que conta cun orzamento total de 297.170,81 euros, está financiada na súa totalidade pola Deputación de Pontevedra a través do Plan de Reequilibrio, que concede 237.736,65 euros, e do Plan Concellos, que achega os 59.434,16 euros restantes.

Na súa visita ás obras, Carlos Font sinalou que "proxectos como este, pensados para mellorar a calidade de vida das persoas con máis dificultades, teñen que ser un obxectivo prioritario das administracións. Estamos encantados e encantadas na Deputación de Pontevedra de poder financiar unhas obras que converterán este espazo público nun lugar de encontro para as veciñas e veciños de Meis, e sobre todo para aquelas persoas con diversidade funcional. Os proxectos, dixo o deputado, deben ser accesibles e seguros".

Concretamente, con este proxecto, preténdese mellorar a praza de España como espazo público posto que, na actualidade, está dividida por un vieiro de aglomerado e beirarrúas de pedra que non están adaptadas ás necesidades das persoas con diversidade funcional. Ademais da eliminación das barreiras arquitectónicas, contémplase a substitución das luminarias, a creación dun soportal no edificio multiusos, a instalación dun quiosco e a mellora dos xardíns da Casa de Escudeiro que actualmente están separados da praza por un muro de dous metros de altura e, ao finalizar esta obra, está previsto que queden integrados nun só espazo público. Tamén se proxecta a plantación de rubideiras para crear dúas fachadas verdes no edificio multiusos.

Nos tres anos de lexislatura o Goberno de Carmela Silva destinou ao Concello de Meis máis de 3,1 millóns de euros. Só este ano, e a través do Plan Concellos, a Deputación de Pontevedra achega á localidade 820.384,56 euros, o que supón un incremento do 72,57 % con respecto ao exercicio anterior.