Noticias

Carlos Font visita en Barro as obras da piscina municipal financiada pola Deputación de Pontevedra

Trátase dun dos proxectos do Plan de Reequilibrio da Deputación, con financiamento íntegro da institución provincial de máis de 350.000 euros


28 febreiro 2019
Visita obra en Barro

O deputado provincial de Cooperación, Carlos López Font, xunto ao alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes e outros integrantes da corporación municipal, visitou hoxe as obras da nova piscina pública, situada nunha parcela de propiedade municipal no lugar de Outeiro, na parroquia de Santa María de Perdecanai. Este é un proxecto incluído no Plan de Reequilibrio da Deputación, cun Orzamento de 358.488,72 €, que son financiados integramente pola institución provincial. Un total de 286.790,97 € achégaos a Deputación a través deste plan provincial e os 71.697,75 € restantes, con cargo ao municipio, proveñen do Plan Concellos.

Carlos Font sinalou que "esta instalación, que está previsto que estea rematada entre os meses de maio e xuño, era unha demanda da veciñanza e desde a Deputación de Pontevedra estamos encantados de que se leven a cabo proxectos que benefician a cidadanía, especialmente se axudan a promocionar a actividade deportiva como modo de vida saudable". O deputado transmitiu o seus parabéns polo deseño da obra e subliñou que "o proxecto fíxose tendo en conta todas as esixencias de accesibilidade, tanto no edificio de servizos como no vaso da piscina, que contará cunha rampla de acceso moi innovadora que permitirá a práctica do deporte a calquera persoa". Font sinalou que "estamos ante un moi bo proxecto, as veciñas e veciños poderán gozar dunha marabillosa instalación que é froito do traballo coordinado entre dúas administracións que novamente demostramos que cando unimos forzas os resultados van en beneficio da veciñanza". Durante a visita o deputado provincial explicou que "cando falo do Plan de Reequilibrio sinto unha especial satisfacción, pois estamos a falar dunhas achegas que corrixen inxustizas do pasado e democratizan á Deputación de Pontevedra".

Pola súa banda, o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández, aproveitou o acto para agradecer ao Goberno da Deputación a posta en marcha do Plan de Reequilibrio, xa que "sen el non poderíamos construír esta instalación da cal carecíamos e a cal necesitábamos". Ademais apuntou que "agora, con este Goberno, os concellos podemos planificar e xestionar dunha forma equilibrada os recursos que nos corresponden".

Preto de 5 millóns de euros investidos en Barro

A Deputación de Pontevedra, no que vai de mandato, ten investido en Barro máis de 4,9 millóns de euros, o maior investimento feito neste municipio na historia da Deputación. Só co Plan Concellos, a través da Liña 1, Barro puido financiar estes anos un total de 28 proxectos e actuacións. Ao abeiro da Liña 3 de Emprego do Plan Concellos, nesta lexislatura Barro puido contratar a 54 traballadoras e traballadores municipais (neste ano 2019, son 10 as persoas a contratar). No vixente Plan Concellos, Barro dispón 441.102,74 euros, un 3,16 % máis que en 2018. 

Fotos