Noticias

Carlos Font visita as obras de remodelación do campo de fútbol municipal de Arcade cun investimento da Deputación de máis de 350.000 euros

"Obras como esta son unha boa proba de que a cooperación entre institucións ten como resultado actuacións que teñen como fin mellorar a vida da veciñanza"


23 outubro 2018
Visita ás obras do campo de fútbol de Arcade

O deputado provincial, Carlos Font, xunto ao alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, visitaron hoxe as obras de remodelación do campo de fútbol municipal do Salgueirón, en Arcade, que se están realizando grazas ao Plan de Reequilibrio impulsado pola Deputación de Pontevedra. O proxecto global conta cun investimento de 352.098,40 euros, dos que a Deputación aporta directamente 281.678,72 euros e ao concello correspóndenlle os 70.419,68 euros restantes, que os financia a través das achegas provinciais do Plan Concellos.

Para Carlos Font, esta obra "é unha boa demostración de que a cooperación entre institucións ten como resultado actuacións como estas que teñen como fin mellorar a vida da veciñanza, unhas actuacións que redundan na calidade de vida da cidadanía, neste caso na práctica do deporte". O deputado provincial agradeceu ao alcalde de Soutomaior a visita conxunta ás obras do Salgueirón, que xa se atopan nun estado moi avanzado de execución.

López Font explicou que estes traballos no campo de Arcade forman parte do Plan de Reequilibrio, "que se complementan tamén co Plan Concellos. Polo tanto, sempre desde o respecto á autonomía municipal deixando aos municipios decidir en que e en onde invisten os cartos á súa disposición, hoxe é un motivo de satisfacción ver que obras como estas van servir para mellorar a calidade de vida das veciñas e veciños de Soutomaior".

Nesta mesma liña coincidiu o alcalde Agustín Requera, ao resaltar tamén os excelentes resultados que se producen grazas á colaboración institucional, neste caso entre Concello de Soutomaior e Deputación de Pontevedra. "Grazas ao traballo conxunto, podemos ter obras coma esta que dan resposta ás necesidades de todo o fútbol de Arcade: deporte base, deporte xuvenil e deporte sénior", sinalou Requera.

Máis polo miúdo, os traballos de remodelación no Salgueirón consisten na substitución do céspede artificial actual por outro céspede de última xeración con base elástica. As dimensións do campo son de 104 x 66, en total 6.864 metros cadrados. Inclúese a renovación da bomba de rego e dos canóns de rego de superficie, así como unha revisión e arranxo da rede de rego actual para o seu correcto funcionamento.

Para conseguir unha mellora no ámbito enerxético e medioambiental, vanse cambiar os proxectores de iluminación actuais, de tipo halóxeno, por outros de maior eficiencia enerxética tipo LED. Tamén se prevé a colocación de paneis solares e interacumuladores de auga quente nos vestiarios. Vaise renovar ademais a varanda de perímetro existente, que está moi deteriorada, e vanse amañar os muros de peche do campo, mediante raxado con morteiro de cemento e pintura para exteriores.

O deputado de Cooperación tamén destacou os 3,6 millóns de euros que o Goberno de Carmela Silva leva investidos en Soutomaior ao longo destes tres anos de mandato. Este ano, só co Plan Concellos, a vila recibe case 1 millón de euros, un 74,16 % máis que no exercicio anterior.