Noticias

Carlos Font visita a comarca da Paradanta para supervisar en estradas provinciais obras "que mellorarán a vida dos seus veciños e veciñas"

Estas obras de mellora de vías provinciais promovidas pola Deputación abarcan 13,4 quilómetros cun investimento de preto de 700.000 euros


23 agosto 2019
Visita estradas Paradanta

O deputado provincial Carlos López Font, acompañado da deputada Olga García e dos alcaldes de Arbo, A Cañiza e Crecente, visitou esta mañá a comarca da Paradanta para supervisar obras acometidas en estradas provincias. En concreto, a Deputación de Pontevedra actuou en Arbo, A Cañiza, Crecente e Covelo ao longo dun total de 13,4 quilómetros e investindo 671.331,81 euros.

Tal como sinalou López Font durante as visitas, "estas obras enmárcanse no obxectivo deste Goberno de ter a punto e en perfectas condicións o conxunto da rede de titularidade da Deputación para garantir a seguridade viaria e peonil e poñer as persoas no centro das nosas actuacións tamén nas infraestruturas e a mobilidade".

No Concello de Arbo, onde Carlos López Font estivo acompañado polo alcalde, Horacio Gil, e pola tenente de alcalde, Salomé Troncoso, o deputado afirmou que "ver rematada esta obra é unha satisfacción, xa que queremos atender as necesidades da veciñanza e mellorar a súa calidade de vida, e querémolo facer compatibilizando a seguridade viaria peonil coa utilización dos automóbiles. Neste senso, estamos ante unha actuación sobresaínte que mellora a calidade de vida dos veciños e veciñas". Pola súa parte, o alcalde Horacio Gil aproveitou a visita para "agradecerlle á Deputación de Pontevedra a acollida deste proxecto que mellora a accesibilidade e, en definitiva, a vida das persoas que viven no núcleo da Lomba".

Máis polo miúdo, as obras de acondicionamento da estrada EP-5003, no lugar da Lomba, foron adxudicadas por 184.608,54 euros e xa están completamente rematadas. Con estes traballos, entre outras actuacións, levouse a cabo a renovación da pavimentación da vía ao longo de 350 metros e a de sendas peonís cunha anchura mínima de 2,5 m, así como a da rede de abastecemento, á que se dotou dun treito que non existía coa execución dun pozo de bombeo. Tamén se dispuxeron canalizacións para a rede de telecomunicacións e de enerxía eléctrica e iluminación con luminarias LED e recuouse un muro no encontro entre os dous eixes definidos no proxecto. Por último, abordouse a sinalización horizontal e vertical.

En canto ao Concello da Cañiza, a obra, que está a piques de rematar, consiste na reposición do firme na EP-5005, que une A Cañiza e A Pousa, en Crecente. Este proxecto, de 426.525 euros, abrangue un total de 12,3 quilómetros e consiste no fresado e reposición do firme en varios treitos da estrada e, noutros treitos, do microaglomerado en frío, ademais do posterior pintado da estrada. O deputado provincial explicou que "o proxecto tamén incluía a mellora da drenaxe da estrada e o pintado das marcas de sinalización horizontal". Durante esta visita, Carlos López Font e Olga García estiveron acompañados por Luis Piña, alcalde da Cañiza, e Julio César Luengo, alcalde de Crecente. O deputado provincial subliñou que "non hai dúbida de que estamos ante un proxecto importante tanto para o Concello da Cañiza como para Crecente. Nos quilómetros que puidemos recorrer comprobamos que esta actuación terá un importante retorno para as e os cidadáns de ambos concellos".

Tras supervisar o estado actual das obras, o alcalde de Crecente, Julio César Luengo, resaltou que "resulta importante o pintado da estrada, pois esta é unha zona onde é frecuente que haxa brétema durante o inverno e por seguridade cidadá é unha boa noticia que se levase a cabo esta mellora". Pola súa banda, Luis Piña, alcalde da Cañiza, afirmou que "a Deputación fixo un importante esforzo para acometer as obras que Carlos Font e Olga García están a visitar hoxe e teño que facer o merecido recoñecemento. Concellos como os nosos agradecemos o traballo da Deputación, pois permite que poidamos mellorar a vida das e dos nosos veciños".

Por último, en Covelo, a Deputación de Pontevedra está a levar a cabo o acondicionamento do tramo antigo da EP-5106 entre Covelo e Barciademera nun tramo de 800 metros cun investimento de máis de 60.000 euros. Este proxecto consiste na ampliación da plataforma existente neste treito a un ancho total de 5 metros, así como na execución dunha cuneta formigonada de seguridade en todo o trazado. Ademais, realizaranse unha repavimentación do total do ancho da calzada e traballos de renovación de defensas metálicas e sinalización horizontal e vertical.

Sobre as tres actuacións na comarca, Carlos López Font destacou que "a nosa institución aposta por infraestruturas que teñan en conta as persoas e o territorio, e non só os vehículos, que no século XXI xa non poden ser o centro da actuación das administracións. Temos que converter as persoas nas verdadeiras protagonistas".

Fotos