Noticias

Carlos Font supervisa en Sanxenxo a construción da nova pista polideportiva cuberta no CEIP Nantes

Financiada cun investimento de 253.131,76 € do "Plan Concellos" "é mostra do traballo entre Deputación e Concello para realizar obras que melloran a calidade de vida da veciñanza"


10 decembro 2018
Nova pista polideportiva cuberta no CEIP Nantes

O deputado provincial de Cooperación, Carlos López Font, e o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, visitaron esta mañá as obras que se están executando para a construción dunha nova pista polideportiva cuberta no CEIP Nantes. Trátase dunha obra financiada a través do "Plan Concellos" 2017, cun investimento total da Deputación de 253.131,76 euros. Os traballos comezaron fai unhas semanas e prevese que estean finalizados antes de que remate o ano, polo que o novo espazo xa estaría dispoñible para a volta das vacacións escolares de Nadal.

A actuación consiste na construción dunha nova pista polideportiva cuberta no CEIP Nantes. O centro educativo xa tiña outra pista polideportiva exterior, pero á intemperie e moi deteriorada. De aí que agora, con esta actuación, se pretende dotar ao colexio dunha nova pista, cuberta e con todas as melloras necesarias. "É unha gran satisfacción que os plans que, dende a Deputación poñemos á disposición dos concellos, estes os invistan en obras que reverten na mellor calidade de vida das veciñas e veciños, e neste caso, na poboación máis nova e no fomento do deporte, unha das apostas máis importantes tamén deste Goberno provincial", destacou Font.

O deputado provincial lembrou que o "Plan Concellos" é o instrumento que a Deputación pon á disposición dos concellos para que estes elixan en que proxectos e actuacións van investir as partidas dispoñibles, "pleno respecto á autonomía local. Creo que é un acerto total que se invista en actuacións coma esta, que finalmente teñen un impacto moi positivo sobre a cidadanía". Pola súa banda, o alcalde Telmo Martín agradeceu á Deputación o investimento nunha obra tan necesaria coma esta, "na que estamos cumprindo os prazos e agardamos poder completala cunha segunda fase de peche do perímetro, para o que agardamos contar tamén co apoio da institución provincial, da que sabemos que hai vontade de colaboración".

Máis polo miúdo, esta actuación permitirá que o CEIP Nantes conte cunha nova pista polideportiva cuberta. A superficie en planta da construción é de 1.239 metros cadrados, cunhas dimensións exteriores de 43 metros de longo, 28 metros de ancho e 7 metros de altura. A pista polideportiva terá unhas dimensións exteriores de 43x28 metros, formada por unha soleira de formigón armado de 20 centímetros de espesor, executada sobre explanada mellorada. A cuberta será a dúas augas con instalación dos correspondentes canlóns e baixantes para a recollida de augas pluviais da cuberta. Esta obra corresponde ao "Plan Concellos" 2017, no que a Deputación puxo á disposición do Concello de Sanxenxo algo máis de 1,1 millóns de euros.

Preto de 8 millóns de euros no que vai de mandato

Na visita de hoxe, o deputado Carlos Font fixo tamén balance dos investimentos da Deputación de Pontevedra no Concello de Sanxenxo no que vai de mandato provincial. Lembrou que ata o de agora, a través do todas as áreas de goberno, investíronse preto de 8 millóns de euros, en concreto 7.986.116,39 euros. Entre outras áreas, Font recordou que desde Mobilidade aportáronse 2,1 millóns de euros para diversas iniciativas ou dende Turismo, preto de 500.000 euros con actuacións tan importantes como a posta en valor do xacemento arqueolóxico da Lanzada.

Só co "Plan Concellos", a través da Liña 1 de Investimentos, nos últimos tres anos e medio téñense realizado en Sanxenxo máis de 40 actuacións coma esta do CEIP Nantes. En canto á Liña 3 de Emprego, o "Plan Concellos" tamén permitiu ao concello de Sanxenxo contratar nestes anos a 116 traballadoras e traballadores municipais.

Neste ano 2018, o "Plan Concellos" xa está aprobado e pechado ao 100 % para Sanxenxo. Supuxo un investimento na vila de case 2 millóns de euros, en concreto 1.972.572,74 euros, cun incremento dun 76,20 % con respecto ao 2017.

Fotos