Noticias

Carlos Font respóndelle a Campos e Cachafeiro "con datos obxectivos e non con falacias cando estamos ante o maior investimento da historia da Deputación na Estrada e Forcarei"

O deputado aconsella "máis traballo e menos nervios" aos dous dirixentes populares "Nós contestamos con xestión e con números: máis de 11 millóns de euros en investimentos"


31 agosto 2018
Carlos López Font

O deputado responsable de Cooperación, Carlos López Font, manifestou hoxe a súa estupefacción "ante o estado de nervios de alcaldesas e alcaldes do PP na provincia, como é o caso da Estrada e Forcarei, que en vez de traballar máis e corrixir defectos nos seus proxectos, defectos que eles mesmos recoñecen nas súas declaracións, seguen a mentir unha e outra vez respecto aos investimentos da Deputación de Pontevedra".

Font sinalou que "como queda demostrado cos datos obxectivos, estamos ante o maior investimento de toda a historia da institución nos concellos da provincia e, concretamente, no caso da Estrada e Forcarei falamos de máis de 11 millóns de euros nos tres anos de lexislatura do Goberno de Carmela Silva". O deputado relatou os números de ambos os dous concellos: "8 millóns de euros de investimentos no Concello da Estrada, dos que máis de 6 millóns corresponden ao Plan Concellos 2018. No caso de Forcarei máis de 3 millóns de euros de cartos da Deputación de Pontevedra, dos que 2 millóns son do Plan Concellos 2018", explicou.

Carlos Font referiuse igualmente ás críticas dos dirixentes de ambos os dous concellos respecto á tramitación das obras, "cando presentaron os proxectos o último día de prazo, cheos de defectos que eles mesmos recoñecen, así como as veces que desde a Deputación se lles advertiu das necesarias correccións que non fixeron. ¿Pretenden agora esixir á Deputación, que atende a 59 municipios da provincia, as presas que elas e eles non tiveron?".

Finalmente, o responsable de Cooperación na Deputación de Pontevedra preferiu ironizar sobre a declaración dos dirixentes do PP sobre que "o diñeiro do Plan Concellos 2018 é o que lles corresponde por lei". "Se isto é así, dixo Font, ¿entón porqué Louzán lles daba menos cartos e, o máis grave, como era posible que alcaldesas e alcaldes como López Campos ou Cachafeiro o permitiran?".

O deputado rematou pedindo ao PP "que se centre, que comece a traballar para as e os cidadáns e se esqueza de buscar supostos réditos electorais porque maio aínda está lonxe. Que se preocupen máis polas súas veciñas e veciños, dixo Font, porque desde a Deputación seguiremos a traballar polas persoas. Non nos van a atopar neses debates para buscar ruído, á xente non lle interesan nada".