Noticias

Carlos Font presentou durante o "LuscoFusco Networking" as liñas xerais de actuación do Viveiro de Lalín para o ano 2020

O deputado de Economía sinalou que as iniciativas porán especial énfase no cumprimento dos ODS e terán como obxectivos principais a difusión, a formación, a xeración de alianzas e a mellora continua


11 decembro 2019
Viveiro de Empresas

O deputado de Economía, Carlos López Font, asistiu hoxe no Viveiro de Empresas de Lalín ao segundo "LuscoFusco Networking" do ano, evento no que a Deputación de Pontevedra presentou as liñas xerais de actuación para o ano 2020 e deu conta das actividades realizadas durante este ano.

No acto, Carlos Font explicou que "as actuacións que levaremos a cabo en 2020 estruturaranse en catro grandes áreas, concretamente, na difusión, na formación, na xeración de alianzas e na mellora continua". Ademais engadiu que "desde a Deputación consideramos moi importante que todas as iniciativas e medidas que levemos a cabo vaian da man do cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), especialmente no caso do viveiro, do obxectivo 8, polo traballo decente e crecemento económico, e do 9, pola industria, innovación e infraestrutura".

De xeito transversal as novas actividades do Viveiro de Empresas de Lalín terán en conta o cumprimento doutros 3 ODS. Máis polo miúdo teranse en conta o obxectivo número 5, pola igualdade de xénero; o 11, para crear cidades e comunidades sostibles, e o 17, para a xeración de alianzas para acadar obxectivos compartidos.

Así, tal e como expuxo Carlos Font, a programación de 2020 estará encamiñada a organizar eventos que sirvan para dar a coñecer o Viveiro de Empresas entre os diferentes colectivos interesados; a apoiar e acompañar a persoas emprendedoras que teñan unha idea de negocio a través dun programa de formación e organizando charlas; a establecer alianzas e colaboracións con outras entidades que aporten valor engadido, e para seguir mellorando as instalacións co fin de facilitar o proceso de entrada a potenciais viveiristas.

Carlos Font tamén aproveitou o acto para realizar unha valoración satisfactoria das actividades levadas a cabo durante o 2019, organizadas ao abeiro do Plan de Dinamización presentado o pasado mes de abril.

O deputado provincial lembrou que "durante este ano marcámonos o obxectivo de mellorar e impulsar o coñecemento do viveiro, aumentar o seu nivel de ocupación e utilidade e dotalo de programación propia". Nesta liña, explicou que "neste 2019 levamos a cabo unha importante rebaixa nos prezos dos espazos, dotamos ao viveiro dunha páxina web propia e mellorouse a conectividade e o tempo de resposta para a concesión de espazos" e que "cumprimos satisfactoriamente o propósito de dar voz a persoas emprendedoras, profesionais e á pequena empresa"

Durante a súa intervención tamén salientou o traballo que se está a levar a cabo a través do "PorcoLab", que é "un laboratorio de emprendemento social, un programa formativo, experiencial e innovador, dirixido a entidades e colectivos sociais das comarcas de Deza e de Tabeirós-Terra de Montes". A finalidade deste proxecto é traballar conxuntamente con outras entidades e persoas para, primeiro detectar e visibilizar necesidades reais das persoas e colectivos, e para, despois, procurar solucións a esas necesidades e ver se algunha destas era susceptible de ser semente de algunha iniciativa de emprendemento social.

O Viveiro de Empresas de Lalín conta con 3 naves industriais cunha superficie variable de entre 131,20 e 142,70 m2, 5 oficinas (4 de 16,10 m2 e 1 de 18,10 m2), un espazo polivalente como sala de xuntanzas e un espazo coworking con 16 postos. Actualmente están traballando en estas instalacións dúas empresas: Solkajier Technic S. L., de xestión e comercialización de proxectos de maquinaria industrial, e Nouseduka, adiada á formación, o coaching individual e familiar e o asesoramento educativo a familias.