Noticias

Carlos Font instará a Xunta a que explique que recursos propios vai destinar "xa que o que está a manexar ata agora son unicamente fondos europeos ao través do React UE"

Carlos Font instará a Xunta a que explique que recursos propios vai destinar "xa que o que está a manexar ata agora son unicamente fondos europeos ao través do React UE"


25 xaneiro 2021

Un ambicioso plan de rescate para o Turismo, a Hostalería e os sectores afectados polas consecuencias da pandemia ao que a Xunta de Galicia destine o 1% do seu orzamento. Esta é a proposta que a Deputación de Pontevedra defenderá esta tarde na reunión co sector, as deputacións, a Fegamp e a Xunta, convocada polo Cluster de Turismo no Palacio de Congresos e Exposicións de Santiago.

O deputado Carlos Font  anunciou que a Deputación de Pontevedra está disposta a participar nese Plan de Rescate, tamén cun 1% do seu orzamento provincial,  sempre que se cumpran dúas premisas. A primeira que  a Xunta de Galicia dea conta "dos recursos propios que vai destinar a este fondo, xa que ate agora o diñeiro que está a manexar son unicamente fondos europeos ao través do React UE e ningún recurso propio, xustamente ao contrario dos entes locais que no recibiron nin un ingreso extraordinario". O deputado provincial lembrou os recursos recibidos polo Goberno galego dende o Estado que alcanzan xa os 735 millóns de euros, dos que 224 millóns están directamente dirixidos ás compensacións pola caída da actividade económica, outros 93 millóns a reforzar a Educación pública e 418 á Sanidade pública.

Amais, Font esixirá que sexan os concellos os que se encarguen da xestión do Plan de Rescate. "Os entes locais levan un ano dando exemplo de capacidade de xestión, de execución e de proximidade cos sectores afectados pola Covid, e atendendo todas as necesidades cos seus propios recursos. Non hai unha administración que poida facer mellor esa xestión con transparencia, obxectividade e celeridade", afirmou. Así, o deputado afirmou que "a nosa postura está clara. A Deputación de Pontevedra participará sempre que se cumpran as dúas premisas anteriores".

A Deputación tamén insistirá na necesidade de transparencia cos recursos aportados ata agora pola Xunta, polo que instará ao goberno galego "a dar explicacións dos fondos recibidos polo Estado, o grao de execución desenvolvido, e o destino exacto destas partidas". Tamén solicitará un relatorio das axudas que se deron desde a administración autonómica e daquelas que foron rexeitadas. Neste sentido, o deputado provincial lamentou "a publicidade enganosa que está a trasladar a Xunta de Galicia sobre as cantidades destinadas á hostalería. "Están confundindo ao sector e manipulando os datos porque nesas cifras que anuncian están sumadas todas as axudas a autónomos/as e demais sectores", sinalou.

Audios

  • Audio