Noticias

Carlos Font insta ao alumnado de Vilagarcía de Arousa "a que se poña ao fronte do activismo contra os micromachismos, que son o xerme da violencia"

Máis de 500 rapazas e rapaces asistiron á acción artística de Nieves Rodríguez no programa da Deputación de Pontevedra "Mulleres en acción: Violencia zero"


25 outubro 2018
Violencia Zero. Vilagarcía de Arousa

Unha nova acción do programa "Mulleres en acción: Violencia zero" tivo lugar este xoves en Vilagarcía de Arousa. Máis de 500 alumnas e alumnos de sete centros educativos da vila puideron presenciar no Auditorio Municipal da vila a obra "Metamorfose", da actriz e comunicadora Nieves Rodríguez, nun acto que contou coa presencia do deputado provincial Carlos López Font e a concelleira de Igualdade de Vilagarcía, Tania García.

Rodríguez basea esta acción escénica nos micromachismos, comportamentos abusivos e continuados por parte de quen os exerce cara ás mulleres, invisibilizados e naturalizados na sociedade e que teñen como finalidade conservar a súa posición de xénero. Nesta representación o obxectivo é facer visible a metamorfose que sofre unha muller ante estes pequenos xestos discriminatorios, ofensivos e intimidatorios. Unha involución lenta pero continuada que pasa por diferentes fases (negación, asimilación, adaptación) e que ten como resultado final a morte, sexa real ou figurada.

Na súa intervención, o deputado Carlos Font quixo resaltar a importancia de concienciar ás máis novas e novos na loita contra o machismo en todas as súas variantes, con especial incidencia naqueles que se atopan no día a día e pediulle ao alumnado que fosen "as primeiras e os primeiros na loita contra o micromachismo por moi pequeno que os pareza porque este tipo de comportamentos son o xerme da violencia que mata ás mulleres polo feito de selo". "Desde as institucións temos que poñer os medios pero seredes vós, temos que ser todas e todos, quen loitemos por unha sociedade totalmente libre da lacra das violencias machistas, sodes o futuro!", asegurou durante a presentación da acción artística.

Esta terceira edición do programa, que comezou en novembro do 2017 e se estende ata o mes próximo, pon en marcha accións artísticas diferentes en 25 concellos da provincia. Abranguen modalidades como a poesía, o graffiti, a danza contemporánea, a acción escénica ou a performance, visibilizando esta problemática social mediante accións artísticas protagonizadas por mulleres, empoderándoas no eido cultural e artístico.

Co obxectivo de concienciar a toda a sociedade pontevedresa sobre a lacra social das violencias machistas, as accións de "Mulleres en acción: Violencia zero" realízanse sempre en contacto directo coa cidadanía: ben en centros escolares, prazas, rúas ou lugares de tránsito, ben da man de asociacións de mulleres, de corporacións municipais ou de colectivos sociais, culturais ou doutra índole.

Fotos