Noticias

Carlos Font enxalza o apoio da Deputación ao sector primario no primeiro simulacro de vendima anti-covid de Galicia

Na actuación, posta en marcha pola adega Marqués de Vizhoja en Arbo, púxose en práctica o protocolo desenvolvido polo equipo técnico e de campo


11 agosto 2020
Vendima Covid

O deputado provincial Carlos Font, xunto ao alcalde de Arbo, Horacio Gil, asistiu ao ensaio de vendima anti-covid levado a cabo por Marqués de Vizhoja, converténdose así na primeira adega de Galicia en poñer en marcha un simulacro previo destas características. Durante o acto púxose en práctica o protocolo desenvolvido polo equipo técnico e de campo da adega e tamén se explicaron as indicacións xerais e normas de prevención que se levarán a cabo durante a vendima. "Son un conxunto de medidas que garanten totalmente, en primeiro lugar, a saúde das traballadoras e dos traballadores, e tamén do produto final, o viño para as persoas consumidoras", destacou Font.

Na súa intervención o deputado provincial puxo en valor esta "demostración dos novos tempos nos que estamos e as medidas que se teñen que tomar" e cualificou como "unha situación sobresaínte poder comprobar in situ como se vai desenvolver unha vendima que será especial este ano". Carlos Font, que destacou o apoio constante da Deputación ao sector primario, e en concreto ao vitivinícola, asegurou marchar "coa satisfacción de saber que a economía se reactiva e que algo tan tradicional como a vendima vai contar con todas as medidas de seguridade".

Debido á crise sanitaria, a vendima terá que cumprir cunha serie de normas entre as que se atopan o uso da máscara en todo momento, o control de entrada á adega e medición da temperatura, poñer a disposición das e dos traballadores hidroxel, máscaras e papeleiras, evitar o contacto de mans coa cara, reducir o contacto físico e manter a distancia mínima de dous metros, non compartir obxectos persoais e non facer reunións. Tamén se recomenda lavar a roupa despois de cada xornada de traballo, evitar beber auga en fontes ou lugares de tránsito común e que tanto a entrada como a saída da adega se faga de forma gradual e mantendo en todo momento a distancia de seguridade. Ademais, introduciuse un sistema de sinalización con balizas para que cada vendimadora ou vendimador saiba ata onde ten que ir e evitar a concentración de varias persoas nun mesmo punto.

Pola súa banda, se algunha persoa presenta síntomas debe comunicarllo inmediatamente á empresa, minimizar o seu contacto co resto e ir a un lugar onde permaneza soa. Nese caso, a empresa deberá informar das persoas coas que estivo en contacto ás autoridades sanitarias e seguirá as instrucións que lle indiquen. Ademais, realizarase unha limpeza minuciosa das zonas nas que permaneceu a persoa afectada.