Noticias

Carlos Font confirma que o Goberno provincial aprobará este venres o financiamento para novas obras de abastecemento en núcleos de Vila de Cruces

A Xunta de Goberno da Deputación autorizará este investimento para as obras de condución xeral de abastecemento nos lugares de Mosteiro, Senra e Cima de Aldea


26 setembro 2018
Plan Concellos 2018-2019

O deputado provincial de Cooperación, Carlos Font, informou hoxe que o Goberno da Deputación de Pontevedra aprobará este próximo venres en Xunta de Goberno o financiamento ao concello de Vila de Cruces para as obras de condución xeral de abastecemento aos lugares de Mosteiro, Senra e Cima de Aldea. As actuacións teñen un importe total de 79.920 euros e forman parte dos fondos da liña 1 de Investimentos do Plan Concellos.

En concreto, os traballos facilitarán unha condución de 63 milímetros de polietileno de alta densidade, dispoñéndose válvula de comporta de fundición, arqueta para chaves, arqueta para distribución domiciliaria e ventosa purgador. A condución conectarase á rede xeral entre os lugares de Senra e Mosteiro. Cruzarase o rego mediante o grampado á ponte existente, que se vai materializar mediante platinas e parafusaría de aceiro inoxidable. O grampado disporase de xeito que non se diminúa a capacidade hidráulica da obra de drenaxe.

Con este novo investimento da Deputación de Pontevedra, o concello de Vila de Cruces xa ten aprobados 626.533 euros co vixente Plan Concellos, que este ano destina á vila un total de 1.117.984 euros, case un 74 % máis que no ano anterior.