Noticias

Carlos Font confirma que o Goberno provincial aprobará este venres 152.000 euros para melloras no sistema de abastecemento de auga no Rosal

O Concello do Rosal desistiu dun investimento anterior do Plan Concellos 2017 e optou por un cambio de finalidade para destinalo a esta nova actuación de abastecemento


27 setembro 2018
Plan Concellos 2018-2019

O deputado provincial de Cooperación, Carlos Font, informou hoxe que o Goberno da Deputación de Pontevedra aprobará este próximo venres, en Xunta de Goberno, o financiamento ao Concello do Rosal para distintas obras de mellora no sistema de abastecemento de auga no concello. Trátase dunha actuación cun orzamento total de 156.076,82 euros, dos que a Deputación investirá 152.261,56 euros.

Esta nova achega do Goberno provincial provén da desistencia do Concello do Rosal a un investimento que solicitaron e que foi aprobado en 2017 para o tratamento de auga no depósito de Martín, e que en maio de 2018 optou por un cambio de finalidade. Con tal motivo, a Xunta de Goberno provincial vai aceptar este venres a desistencia do Rosal á actuación anterior e a autorización para aplicar o crédito dispoñible ao novo proxecto presentado. Máis polo miúdo, os traballos comprenderán diferentes actuacións. Vaise substituír a tubaxe en varios puntos, vaise impermeabilizar o depósito da Buraca e instalaranse ademais dúas novas bombas de bombeo na estrada de Urgal.

Este ano 2018, ao través do Plan Concellos, o Goberno provincial destina á vila case un millón de euros, 969.267,60 euros, máis dun 74 % máis que no exercicio anterior.