Noticias

Carlos Font confirma que o Goberno da Deputación aprobará o venres unha achega de 165.000 € para a ampliación do almacén municipal de Cerdedo-Cotobade

A Xunta de Goberno aprobará este investimento, dentro da Liña 1 do Plan Concellos 2018, para construír unha nova planta que permita o seu uso como local multiusos


12 setembro 2018
Carlos Font

O deputado provincial Carlos López Font informou que o Goberno da Deputación de Pontevedra aprobará este venres, en Xunta de Goberno, o financiamento para as obras de ampliación do almacén municipal de Cerdedo-Cotobade. As actuacións teñen un importe de 165.495,27 euros e forman parte dos fondos da Liña 1 de investimentos do Plan Concellos 2018.

Máis polo miúdo, trátase da realización de obras de ampliación do almacén municipal actual para engadirlle unha nova planta que permita o seu uso como local multiusos, para a realización de cursos e actividades, así como sala de reunións. O almacén municipal sitúase entre o pavillón municipal e o colexio público de Cerdedo-Cotobade, estando habilitado o espazo para o uso de equipamentos públicos.

Na actualidade, o almacén dispón dunha planta semisoto de 294,91 metros cadrados construídos. O que se pretende, con este novo investimento, é engadir unha nova planta (planta baixa) para local multiusos de 290,30 metros cadrados construídos. Deste xeito, preténdese alcanzar unha superficie construída total de 585,21 metros cadrados. A nova planta a construír terá acabados de carpintaría de aluminio, que se adaptarán ás existentes na zona. A cuberta será de panel sándwich de 80 mm, semellante ás cubertas existentes na parcela (colexio e pavillón). As fachadas serán ventiladas combinando acabados de gres porcelámico con paneis de composite de aluminio, semellantes tamén os acabados das edificacións existentes.

Con estes novo investimento, Cerdedo-Cotobade xa ten aprobados este ano máis de 928.000 euros, en concreto 928.103,11 euros, co vixente Plan Concellos 2018 da Deputación de Pontevedra. Esta cifra supón, ata o de agora, o 74,6 % do total destinado a este municipio polo Plan Concellos 2018, que ascende a un total de 1.244.234,93 euros.