Noticias

Cambados garante a seguridade viaria no rural pavimentando nove camiños cun investimento de máis de 147.000 euros achegado pola Deputación

Os camiños da Modia, Fonte de Brúa, Quintáns, O Facho, Couto de Arriba, Couto de Abaixo, Xesteira, Río Pequeno e Bouza de Padrón abranguen case 14.000 metros cadrados


19 agosto 2021
Pavimentación Cambados

A veciñanza do rural de Cambados goza xa dunha rede viaria renovada despois dun investimento de máis de 147.000 euros ao abeiro do Plan Concellos da Deputación. A aposta polo rural no concello do Salnés fixo posible a mellora e pavimentación de nove camiños que abranguen unha superficie de case 14.000 metros cadrados. As obras, que foron visitadas hoxe polos deputados Santos Héctor e Noemí Outeda, xunto coa alcaldesa, Fátima Abal, e o concelleiro de Obras, Samuel Lago, supoñen un cambio substancial para as parroquias de Corvillón, Castrelo e Oubiña.

A mellora afectou aos camiños da Modia, Fonte de Brúa, Quintáns, O Facho, Couto de Arriba, Couto de Abaixo, Xesteira, Rio Pequeno e Bouza de Padrón. Co obxectivo de emendar o deterioro que presentaban e garantir a seguridade dos vehículos e peóns que circulan por eles, procedeuse á apertura e rasanteo das zonas a pavimentar, varrido da vía, demolición de soleiras de formigón, fresados para enlazar os novos pavimentos, aportación de bases regulares de saburra, rega asfáltica, pavimentación e sinalización horizontal e vertical e nivelado das tapas das arquetas de servizos, entre outros reformas.

670.000 euros nos últimos 6 anos para a mellora do viario rural

Enmarcadas no Decálogo de Actuacións da Deputación, estas obras responden a un modelo integrador no que a recuperación do espazo público ocupa o primeiro plano. Coa súa execución, os 3,7 quilómetros de lonxitude que compoñen estes camiños gozan dun deseño practicable por vehículos e peóns en condicións de seguridade. No ámbito da pavimentación de camiños rurais, o Concello de Cambados leva investidos nos últimos 6 anos, con financiamento da Deputación, un total de 670.000 euros.

A Deputación de Pontevedra fixo posible que o Concello de Cambados teña recibido desde 2015 un investimento total de 7.501.072 euros, dos que boa parte corresponden ao Plan Concellos. Máis polo miúdo, a área de Infraestruturas leva investido no municipio máis de 595.000 euros en obras moi diversas, como é o caso da mellora da drenaxe lonxitudinal na EP-9002 Fefiñáns-Oubiña, a optimización da rede de pluviais no entorno do CEIP Castrelo ou a limpeza, reapertura e roza de cunetas.

Fotos