Noticias

Cambados avanza en seguridade viaria coas obras da Deputación para dotar de cunetas tendidas á estrada de Oubiña e de pasos elevados á avenida do Salnés


01 outubro 2021
Visita a Cambados

A seguridade viaria nas estradas provinciais ao seu paso por Cambados é o obxectivo de dúas obras que a Deputación finalizou na capital do Albariño, cun importe total duns 62.000 euros. O deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, acompañado da alcaldesa, Fátima Abal, visitou hoxe as actuacións, realizadas na estrada de Fefiñáns a Oubiña (EP-9002) para a execución de cunetas tendidas e na avenida do Salnés (EP-9003) para a construción de pasos de peóns sobreelevados.

O responsable provincial de Infraestruturas explicou que na estrada de Oubiña quedou solucionada, tras un investimento de 55.000 euros, a canalización das augas pluviais entre os p. q. 1+820 e 2+200. Saneáronse ambas beiras retirando tocos e raíces de árbores, ademais da limpeza dos noiros. Tralo corte e demolición das beiravías asfaltadas instalouse unha tubaxe de 315 milímetros para a recollida das augas superficiais. Sobre ela colocouse un sistema de cuneta remontable cun ancho dun metro, aproveitando todo o espazo dispoñible ata o límite dos peches e fachadas. Creouse así unha nova plataforma peonil que mellorará a seguridade viaria das persoas que camiñan por esta transitada estrada, que rexistra unha Intensidade Media Diaria de 1.782 vehículos, un 8 % deles pesados.

Por outra banda, na avenida do Salnés (EP-9003), que une a entrada principal de Cambados co contorno da piscina, habilitáronse pasos de peóns sobreelevados nos p. q. 0+010, 0+440, 0+680 e 0+790, co obxectivo de regular a velocidade dos vehículos e facilitar a permeabilidade peonil en condicións de seguridade. Agís explicou que estes catro pasos de peóns forman parte do "paquete" de actuacións previstas polo Plan Móvese III en Cambados deste ano, que inclúe cinco pasos de peóns sobreelevados e tres lombos, cun investimento total de 63.500 euros.

A Deputación leva investidos 9,8 millóns de euros en Cambados desde o cambio de Goberno na institución provincial, producido no verán de 2015. Gran parte do investimento corresponde ás achegas regradas e obxectivas do Plan Concellos, que este ano alcanzan o millón de euros. A área de Infraestruturas acumula un investimento neste tempo de 600.000 euros, que fixo posible a realización de seis obras nas estradas provinciais, a instalación de 19 elementos redutores da velocidade, a execución de catro actuacións de pintado da sinalización horizontal e unha da vertical, así como a conservacións de firmes, roza das beiras e atención a incidencias.