Noticias

Cambados acolle este mércores unha actividade musical para persoas usuarias do servizo de teleasistencia da Deputación de Pontevedra

O encontro reunirá a veciñas e veciños de Cambados, Vilanova de Arousa, Ribadumia, Meis e Barro para traballar nas capacidades cognitivas a través da música


21 outubro 2019
Teleasistencia

O Salón Expo Salnés de Cambados (Paseo da Calzada, s/n) acollerá este mércores 23 de outubro, ás 17:30 horas, unha nova actividade musical dirixida a usuarios e usuarias do servizo de teleasistencia domiciliaria dos concellos de Cambados, Vilanova de Arousa, Ribadumia, Meis e Barro. Ademais, a esta cita sociocultural asistirá a deputada de Cohesión Social, Olga García.

O obxectivo principal desta iniciativa, promovida cada ano pola Deputación, é favorecer as capacidades cognitivas das persoas maiores, o contacto social e previr situacións de illamento e soidade a través da música. Tras os talleres de memoria postos en marcha en 2018, este ano as actividades, que comezaron en marzo e rematarán en outubro, centraranse na estimulación mediante a música e o xogo.

Na actualidade, o servizo de teleasistencia domiciliaria da Deputación de Pontevedra atende a un total de 629 persoas de 46 concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes. Trátase dun servizo que permite a persoas de avanzada idade ou con algún tipo de diversidade funcional manter a súa independencia e continuar vivindo no seu domicilio con tranquilidade e seguridade, coa consecuente mellora na súa calidade de vida. Ante unha situación de emerxencia no fogar, con só pulsar un botón, dáselle resposta inmediata ás persoas usuarias, as 24 horas ao día os 365 días do ano, mobilizando os recursos necesarios para solucionar a incidencia. O servizo de teleasistencia domiciliaria como fórmula para manter a calidade de vida das persoas maiores, é unha iniciativa importante, especialmente, nas zonas rurais máis illadas, xa que permite ás persoas usuarias estar conectadas permanentemente cos servizos sociais e de saúde. Para os casos de especial vulnerabilidade, o servizo dispón de Unidades de Control Remoto, con detector de movemento, que envía unha alarma no caso de que non detecte movemento da persoa usuaria en doce horas.