Noticias

Caldelas de Tui presume xa de estradas provinciais con itinerario peonil seguro e tráfico calmado

O deputado Uxío Benítez explica que a obra de mellora nas EP-3004 e EP-2505 é unha actuación "completa" que mostra o novo modelo da Deputación


28 febreiro 2019
A parroquia de Caldelas, no Concello de Tui

A parroquia de Caldelas, no Concello de Tui, presume xa de dúas estradas provinciais que dispoñen dunha nova senda peonil de 2,2 quilómetros para facilitar os tránsitos a pé da veciñanza e tamén de tráfico calmado grazas aos redutores de velocidade instalados pola Deputación de Pontevedra. O deputado de Mobilidade Uxío Benítez, xunto ao alcalde Carlos Padín, supervisou hoxe a actuación de mellora impulsada desde o seu servizo e explicou que as obras rematarán de forma inminente, tan pronto como a climatoloxía o permita, xa que se precisa polo menos unha semana de tempo seco e soleado para aplicar as últimas capas de pavimento na zona da senda.

Segundo explicou Benítez, a obra de mellora foi obxecto de convenio entre a Deputación e o Concello, asumindo o 80 % e o 20 % dun Orzamento de preto de 600.000 euros respectivamente. "Esta obra o que significa é un exemplo de como a Deputación quere implantar un novo modelo para actuar nas estradas que se basea principalmente nas persoas, e para iso creouse un itinerario peonil cunhas dimensións de 2,5 metros de largo, é dicir, cunhas dimensións apetecibles para que as persoas poidan camiñar e pasear", destacou.

O deputado subliñou tamén a importancia da instalación de elementos de calmado de tráfico co obxectivo de que os vehículos reduzan a velocidade para que non se dean situacións de perigo para as persoas, creando unha zona 30 para toda a estrada. Lembrou que tamén se construíu unha glorieta onde converxen a EP-3004 e a EP-2505 co fin de organizar o tráfico que vai cara a Salceda de Caselas. Benítez salientou que o proxecto incluíu a mellora do contorno da igrexa parroquial de San Martiño de Caldelas, creando unha praza de lastros na que non está permitido o acceso a vehículos para o aproveitamento da veciñanza como lugar de convivencia.

"Un dos eixes da Deputación é que as actuacións que se fagan nas estradas deben ter en conta os espazos polos que pasan e se adapten e poñan en valor o patrimonio que hai ao pé das vías. Esta de Caldelas é unha actuación bastante completa na que se fomenta a mobilidade peonil, se calma o tráfico e se actúa na contorna da igrexa e creo que é unha actuación importante para Caldelas e para Tui", dixo Benítez, destacando que a intención da mellora era potenciar un área residencial na que viven máis de 1.000 veciñas e veciños e que ten diferentes equipamentos: un centro escolar público, un CRA e un centro de educación especial, o cemiterio, a igrexa de San Martiño e tamén a zona dos Baños e as sendas fluviais de Tui e Salvaterra de Miño.

En canto ao final da obra, Benítez salientou que as actuacións que restan (unicamente dar as últimas capas de slurry encarnado na senda peonil) precisan de tempo seco e calor polo que asegurou que "se toca un mes de marzo bo non haberá problema e en poucos días estará todo rematado, pero se veñen as chuvias demorarase máis".

Pola súa parte o alcalde de Tui Carlos Padín subliñou que a de Caldelas é unha actuación importante que cubre máis de dous quilómetros de estrada para facela máis accesible, humanizar a zona e darlle prioridade aos peóns. "Tamén é moi agradable a actuación que se fixo diante da igrexa parroquial de Caldelas, nunha zona para espallamento da veciñanza, respectando dous carballos probablemente centenarios que estaban no adro. É unha actuación cofinanciada e congratulámonos de que fose adiante", rematou.

Fotos