Noticias

Caldas de Reis celebra o 25º aniversario da súa Escola de Música estreando un edificio de vangarda arquitectónica financiado pola Deputación

Carmela Silva: "É un edificio marabilloso merecedor dun Premio de Arquitectura. Caldas de Reis é un centro neurálxico do Camiño de Santiago e sempre se caracterizou pola súa aposta pola cultura, que é unha aposta intelixente"


16 decembro 2020
Escola de Música de Caldas de Reis

A Escola de Música de Caldas de Reis, unha institución cultural que celebra este ano o seu vixésimo quinto aniversario e acolle a 150 nenos/as, estrea hoxe a súa nova sede no edificio construído polo Concello cun orzamento de 913.000 euros financiados enteiramente pola Deputación de Pontevedra con cargo ao Plan de Reequilibrio e o Plan Concellos. Un edificio multifuncional, posto que tamén acollerá diversos servizos municipais, cun deseño arquitectónico vangardista e que xa é un fito para a vila termal.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o alcalde, Juan Manuel Rey, inauguraron unha dotación que transcende do ámbito municipal e que dará servizo a toda a comarca, toda vez que o inmoble, de 1.350 metros cadrados distribuídos en dous andares, non só acollerá ao alumnado que cursa estudos musicais, senón tamén varias oficinas e servizos de interese público. No acto institucional participaron os deputados Manuel González e Santos Héctor, así como concelleiros/as de Caldas de Reis, tanto do grupo de goberno como da oposición, e o equipo docente da Escola de Música.

Carmela Silva expresou a súa felicidade por poder inaugurar un inmoble que cualificou como "un "contenedor cultural que é marabilloso e merecedor de premios de Arquitectura", polo que felicitou expresamente ao equipo redactor. Destacou que a obra permitiu crear, a maiores, unha praza con espazo para as persoas, ordenando así o territorio, e puxo contexto histórico lembrando que todo isto é posible porque a Deputación puxo en marcha o Plan de Reequilibrio para financiar dotacións e equipamentos en concellos de menos de 20.000 habitantes.

"Caldas de Reis é un centro neurálxico do Camiño de Santiago e se caracterizou sempre pola súa aposta pola cultura", afirmou, "unha aposta intelixente que refórzase agora cun fermoso edificio que estará cheo de actividade".  A presidenta destacou que a música é un dos trazos distintivos de Caldas, como demostran a súa Escola e a súa Banda de Música, unha das que que contribúen a que a provincia de Pontevedra "sexa das máis potentes de España" neste eido.

Na súa intervención aplaudiu especialmente a presencia dos grupos da oposición municipal durante os actos institucionais, que consistiron na intervención das autoridades, descuberta dunha placa conmemorativa e unha visita pola obra, con miniconcerto incluído a cargo do profesorado e alumnado. "Que esteades aquí", afirmou dirixíndose aos/ás edís de tódalas forzas políticas, "é un xesto que amosa que todos e todas formamos parte do devir e do futuro dos concellos". Finalmente, comprometeuse a volver visitar Caldas de Reis, durante o ano 2021 "cando poidamos vivir con máis proximidade e sen aforos reducidos". Deste xeito "encargou" ao alcalde, que hoxe cumpre 14 anos á fronte da Alcaldía, a organización "dunha inauguración como se merece esta sede da Escola de Música, cun gran concerto da Banda de Música".

Juan Manuel Rey destacou que "cada vez que unha vila ten a posibilidade de inaugurar unha infraestrutura como esta, que con medios propios é imposible abordar, hai que dalas gracias". Explicou que tiña grande interese en celebrar este acto antes do remate do ano para facelo coincidir co 25º aniversario "desta Escola de Música que só nos deu satisfaccións". Rey subliñou que a Escola é toda unha referencia non só para a aprendizaxe musical, senón para a formación en valores de educación, cultura e igualdade. O alcalde, que confesou ter recibido só comentarios positivos do novo edificio, cualificouno tamén como "a primeira pedra dun novo desenvolvemento urbanístico, dunha nova centralidade". O primeiro edil da vila termal reivindicou con orgullo o valor da Escola de Música de Caldas, que o Concello xestiona directamente, e da súa Banda de Música, "un plus moi grande para o pobo".

Caldas gaña unha praza pública

O novo edificio cultural multiúsos  está situado na travesía da avenida de Dona Urraca, a carón do cuartel da Garda Civil, na parroquia de Santa María, xusto na entrada ao centro urbano. Ao edificio accédese por unha nova praza pública, pois as obras incluíron a urbanización da contorna, actuando sobre un espazo total de 10.000 metros cadrados. Un espazo accesible que funciona como adro e que está pensado tamén para acoller ensaios da Banda. A praza intégrase coa súa contorna incluíndo zonas verdes con laranxeiros, que darán sombra e cor.

A intervención desenvolveuse na parcela onde se situaba a anterior Escola-Obradoiro e outros usos municipais, mediante a construción dunha nova edificación de maior altura que a que existía. Tamén se intervino sobre as parcelas traseiras, que estaban sen uso, para completar o programa necesario e facer unha intervención a nivel global da zona, proporcionando a Caldas un novo polo de atracción.

O novo edificio é toda unha peza arquitectónica relevante. Conta con dous andares e dous accesos separados, un para a Escola de Música e Escola-Obradoiro e outro para o espazo polifuncional. O andar baixo está destinado á Escola-Obradoiro e almacéns, mentres que o ensino musical cobrará protagonismo en diferentes estancias dos dous andares. Trátase dunha edificación de volume modular. A planta baixa preséntase como unha base sólida e robusta que serve de apoio para a planta primeira, executada en formigón visto e ocos alongados, mentres que a primeira e segunda plantas son de policarbonato transparente, máis lixeiras e con ocos de maior tamaño, para darlle un carácter máis público e máis envorcado cara ao exterior. O inmoble conta cun axeitado illamento acústico e tamén está deseñado con criterios de aforro enerxético e sostibilidade.

Fotos