Noticias

Bueu inicia a semana das Letras Galegas cunha actuación do Ano Castelao

Trátase dun concerto de Tino Baz incluído no ciclo 'Cantos de preto e de lonxe' que se celebrará o venres no Centro Social do Mar


09 mai 2016

Ás 21:30 horas do venres 13, o Centro Social do Mar de Bueu, acollerá un concerto do cantautor Tino Baz que se inclúe no ciclo 'Cantos de preto e de lonxe' do programa do Ano Castelao da Deputación de Pontevedra. Esta será, ademais, a actuación coa que arranca unha semana de actividade cultural ao redor do Día das Letras Galegas organizada polo Concello en colaboración co tecido asociativo de Bueu, coa Deputación e coa Secretaría Xeral de Política Lingüística. Esta mañá o consistorio acolleu a presentación destas actividades nun acto que reuniu á concelleira de Normalización Lingüística, Silvia Carballo, ao concelleiro de Cultura, Carlos Eirea, ao deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, e ao presidente e ao tesoureiro da Asociación Cultural para o Debate Ricardo Gómez Buceta, Xosé Antón Portela e Xosé Moital.

Durante a súa intervención, Xosé Leal volveu facer fincapé na necesidade de "poñer en valor o traballo dos colectivos sociais e culturais dos concellos" e asegurou que desde a Deputación o que se pretende é contribuír e apoiar as programacións locais para homenaxear a lingua e achegala a toda a sociedade. Destacou que o concerto de Tino Baz é especialmente acaído para un concello como Bueu polas referencias deste cantautor ao mar, e aproveitou para facer entrega do libro "Os soños na gaiola" ao Concello de Bueu e ao presidente da Asociación Ricardo Gómez Buceta. Con este libro, no que  Suso Vaamonde pon música aos poemas do libro de Manuel María do mesmo título, preténdese contribuír á difusión da obra do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas deste ano. 

Hai que lembrar que o concerto de Tino Baz forma parte do ciclo 'Cantos de preto e de lonxe' a través da que se dá a coñecer a relación de Castelao coa música, unha das múltiples disciplinas artísticas ás que se dedicou o multifacético autor de Rianxo, e tamén coa emigración, ao incluír na programación estilos musicais de diversa procedencia. Tino Baz é un dos catro cantautores que participan neste ciclo, xunto con Alba María, Emilio Rúa e Manoele de Felisa.

Xornalismo en galego, Festival Poético e lecturas públicas

O sábado 14 en torno ás 19.30 horas, a sala Domínguez Búa acollerá unha mesa redonda sobre o xornalismo en galego, que contará coa participación dos xornalistas Xurxo Salgado, director do medio dixital Galicia Confidencial, e Rocío Castro, xornalista do Sermos Galiza, ademais de Antón Lopo, xornalista e gañador da edición deste ano do premio de xornalismo Johán Carballeira. Sobre esta actividade, a concelleira Silvia Carballo salientou " a importancia de facer xornalismo en galego e de manter viva a nosa lingua a través dos medios de comunicación". Ademais, tamén sinalou que "estas actividades de conmemoración do Día das Letras Galegas veñen a complementar as accións que se organizan durante todo o ano para a defensa da lingua galega". O mesmo día, pero ás 18 horas no Centro Social, os máis pequenos e pequenas terán unha actuación a cargo de Serafín Marcos "Que Manuel María?".

O domingo será a quenda do V Festival Poético do Morrazo, organizado en colaboración coa Asociación Cultural ‘Ricardo Gómez Buceta' e que terá lugar ás 19.30 horas no Centro Social do Mar. No acto, presentarase o poemario "Os fillos da fame" de Ismael Ramos, gañador do Johán Carballeira de Poesía do ano 2015, ademais de "A elegancia do século", de Pura Tejelo, gañadora da presente edición. A continuación, estudantes do CEIP A Pedra e do IES Illa de Ons participarán nunha lectura da obra de Manuel María, e xa despois, pecharase o acto co recital poético a cargo dos/as poetas Antía Juncal, Miriam Ferradáns e Leo Campos. E xa para culminar, o luns 16 de maio farase unha lectura pública na Casa do Concello baixo o lema "O idioma é vida", na que participarán os concelleiros e concelleiras municipais ademais das persoas que o desexen.

Ademais, desde este martes e ata o 21 de maio, o Centro Social acollerá unha exposición sobre Manuel María, autor homenaxeado nas Letras Galegas 2016.