Noticias

Bueu acolle este xoves o Programa "Mulleres en Acción. Violencia Zero", da man da poesía de Carmen Quinteiro

A deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, asistirá xunto ao alcalde, Félix Juncal, a unha nova intervención artística desta iniciativa provincial de loita contra as violencias machistas


08 agosto 2018
Mulleres en Acción. Violencia Zero

A deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, e o alcalde de Bueu, Félix Juncal Novas, asistirán este xoves 9 de agosto, ás 11.30 horas na Praza Massó, á décimo novena intervención artística do Programa "Mulleres en Acción. Violencia Zero", iniciativa da Deputación de Pontevedra desde hai tres anos para darlle visibilidade á loita contra as violencias machistas a través da arte.

En Bueu, será Carmen Quinteiro a encargada de levar a cabo unha nova intervención artística titulada Niños. A poeta pontevedresa realizará unha performance na Praza Massó que consistirá nunha reflexión acerca da igualdade a partir dun conxunto de debuxos e textos elaborados por nenas e nenos. A artista fará fincapé en como cada un de nós vai construíndo a súa identidade nun mundo diverso.

As palabras formaron parte da vida de Carmen Quinteiro desde que ten memoria, pero só como curiosa lectora. O seu interese pola escrita non chegou ata o 2008, cando comezou a considerala un fermoso vehículo de desafogo vital. A día de hoxe, conxuga poemas, microrrelatos, relatos curtos e aforismos para expresar todo aquelo que vive, sente, descobre, esquece e aprende. E a pesares de que o inicio da súa andaina literaria é recente, conseguiu colocar con éxito dous libros no mercado: Caleidoscopio (2015) e Desde esta orilla (2016).

"Mulleres en Acción. Violencia Zero" reúne o traballo de 25 artistas especializadas en modalidades como a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas todas elas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero. Esta terceira edición comezou en novembro de 2017 e celébrase este ano en 25 concellos da provincia: Vigo, Pontevedra, Cerdedo-Cotobade, Mos, A Lama, Forcarei, As Neves, Lalín, Cambados, Ponteareas, Barro, A Cañiza, Valga, Silleda, Catoira, Gondomar, A Guarda, A Illa de Arousa, Bueu, Moaña, O Porriño, Ribadumia, Vilagarcía de Arousa, Mondariz e O Rosal.