Noticias

Bueu acolle este xoves o primeiro encontro de 2017 de usuarios e usuarias de teleasistencia da Deputación

O servizo, que asiste a 450 usuarios de 47 concellos de da provincia, atendeu o ano pasado 5.000 chamadas de emerxencia e inclúe tamén un programa de prevención do suicidio


05 abril 2017
Servicios sociales

O Centro Social do Mar de Bueu acollerá mañá, xoves 6 de abril, a "I xornada de convivencia" do 2017 de usuarios e usuarias do Servizo de Teleasistencia da Deputación de Pontevedra, que pretende ofrecer un día de ocio e lecer alternativo para estas persoas, que rache coas súas rutinas diarias, e no que tamén poidan aproveitar para intercambiar experiencias e problemáticas comúns polas que sen ven afectadas.

A actividade está dirixida aos usuarios e usuarias do servizo de teleasistencia dos concellos de Bueu, Moaña e Vilaboa e contará cun espectáculo de maxia e animación, globoflexia e música, todo acompañado por un pequeno ágape.

O obxectivo fundamental do servizo de teleasistencia da Deputación é permitir a permanencia das persoas usuarias no seu medio de vida habitual e o contacto permanente co seu entorno socio-familiar, evitando o illamento social, a soidade e asegurando a intervención inmediata ante situacións críticas, o que repercute moi positivamente na calidade de vida destas persoas.

Ante unha situación de emerxencia no fogar, con só  pulsar un botón, os e as usuarias reciben asistencia inmediata, 24 horas ó día e 365 días ó ano, mobilizando os recursos necesarios para dar solución ao problema. Isto é posible grazas a un terminal asociado á liña telefónica, que se instala nos domicilios e que permite establecer unha comunicación directa desde calquera punto da casa, similar ao sistema de "mans libres" dos teléfonos móbiles.

Ademais do seguimento teleasistido e as xornadas de convivencia, o programa inclúe visitas regulares aos usuarios e usuarias co obxectivo de acompañar a estas persoas e así minimizar o sentimento de soidade e illamento ao que moitas se ven abocadas. No ano 2016 o servizo efectuou destas 276 visitas de seguimento, que se sumaron ás que se realizan habitualmente para a resolución de diversas incidencias. 

As próximas Xornadas de convivencia deste 2017 están programadas para o 4 de maio en Mos (para os concellos de Mos, O Porriño e Salceda de Caselas), o 18 de maio en Cuntis (Barro, Caldas de Reis, Campo Lameiro, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, Forcarei, Moraña, Pontecesures, Portas e Valga),  e o 1 de xuño en Mondariz (A Cañiza, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Mondariz, Mondariz-Balneario, As Neves, Pazos de Borbén, Ponte Caldelas, Salvaterra de Miño e Soutomaior); o 15 de xuño en Agolada (Agolada, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces), o 14 de setembro en Cambados (Cambados, O Grove, Meis, Ribadumia, Sanxenxo e Vilanova de Arousa), e o 5 de outubro en  Tomiño (Baiona, Gondomar, Nigrán, Oia, O Rosal, Tomiño e Tui).