Noticias

"BibliotequEros", literatura erótica para visitar no Arquivo provincial

Trátase dunha mostra que reúne fondos bibliográficos que o Museo do Pobo Galego atesoura sobre esta temática


30 abril 2019
BibliotequEros

A mostra "BibliotequEros", que reúne parte da colección sobre literatura erótica procedente dos fondos bibliográficos do Museo do Pobo Galego, xa pode visitarse no Arquivo provincial, en horario de mañá, ata o vindeiro 6 de xuño. Trátase dunha exposición que fai un percorrido cronolóxico polas diferentes épocas do erotismo, desde a antiga Grecia ata o século XX. A mostra abriuse esta tarde cunha conferencia inaugural baixo o título "O erotismo nas bibliotecas do MPG" a cargo do filólogo e doutor en Literatura, Santiago Díaz Lage, quen estivo acompañado pola xefa do Servizo de Patrimonio Documental, Ana Vicente Rivas, polo patrono do Museo do Pobo Galego, Lino Lema, e polo deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal.

A mostra, comisariada por Rosa Méndez García e Santiago Díaz Lage, consta de dúas partes, dunha, a exposición bibliográfica propiamente dita composta por 14 vitrinas nas que se amosan libros de literatura erótica, e doutra, elementos lúdicos e materiais gráficos, como láminas enmarcadas procedentes de obras representativas ou curiosas. O contido das obras expostas abranguen, entre outros, poesías de Sapho, a colección de Joaquín Barbadillo, obras de Diderot, O marques de Sade ou Memorias de Casanova ou, a modo de homenaxe, unha vitrina dedicada á Bella Otero.

Ademais de ofrecer un percorrido que combina materiais artísticos con outros de carácter máis teórico e filosófico, "BibliotequEros" tamén recolle bloques temáticos como o dedicado á literatura erótica galega. Este apartado, abrangue desde libros que recollen obras medievais, como as creadas por trobadores e, nomeadamente, as cantigas de amor, ata a literatura máis recente que, a maiores de coleccións especializadas en literatura erótica, tamén inclúe os certames especificamente dedicados a este tipo de obras.