Noticias

Benítez chama aos concellos "á acción" para recuperar o espazo público

O deputado de Mobilidade participou hoxe en Carballo no Encontro da Rede de Cidades que Camiñan como representante da única Deputación convidada


08 outubro 2021
Rede cidades que camiñan

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez participou hoxe en Carballo no Encontro da Rede de Cidades que Camiñan como representante da única Deputación convidada para explicar o "modelo Ágora". Alí aproveitou para chamar aos concellos "á acción" e a executar con determinacións modelos de recuperación do espazo público, ao tempo que subliñou que os gobernos provinciais deben servir de "motor" para impulsar a iniciativa local.

A acción e a determinación, segundo o nacionalista, son dúas das premisas básicas que deben ter os gobernos locais á hora de realizar transformacións urbanas coas persoas como centro. Destacou que está moi ben compartir na teoría os principios da mobilidade sustentable e a aposta polos colectivos máis vulnerables, pero subliñou que "coas ideas nos papeis" non se constrúen cidades amables que melloren a calidade de vida da cidadanía.

"Hai que executar, hai que pasar á acción", insistiu, ao tempo que asumiu que pode haber unha certa contestación inicial, pero garantindo que todos os exemplos de recuperacións de espazo para as persoas acaban recibindo un grande aplauso colectivo por parte dos sectores que ao principio eran reticentes.

En canto ao papel dos gobernos provinciais, o deputado de Mobilidade recoñeceu que ata o de agora as deputacións, de maneira xenérica, non se involucraran en temas de deseño urbano, mais subliñou que teñen moita capacidade de pulo. Como única deputación presente no encontro da Rede de Cidades que Camiñan, indicou que os gobernos provinciais poden e deben servir de "motor" para acompañar aos gobernos locais interesados nas transformacións urbanas, tal e como está a facer a institución pontevedresa dende o departamento de Mobilidade.

Benítez explicou as bases de "Ágora", unha rede de acción institucional entre a Deputación de Pontevedra e os concellos da provincia para valorizar o espazo público como un dereito da cidadanía baixo o fundamento de que as rúas e prazas de vilas e  cidades son o escenario natural da vida colectiva.

Lembrou que a Deputación puxo en marcha unha convocatoria de subvencións de 2,4 millóns de euros para realizar obras e proxectos que permitan gañar espazo ao tráfico motorizado, que ten en marcha a Facultade Ágora de formación a representantes técnicos e políticos, e que existe un asesoramento continuo por parte da equipa provincial a todos os concellos que queren abordar actuacións.