Noticias

Benítez anuncia que a Deputación xa está a redactar un proxecto de mellora para a estrada Peso-Caroi na Lama

O deputado de Mobilidade supervisou hoxe co alcalde o fin das obras da nova drenaxe do rego da Brexa, que corrixiu o afundimento da EP-0307


10 maio 2018
Estrada en A Lama

O deputado de Mobilidade da Deputación de Pontevedra, Uxío Benítez, anunciou hoxe que o persoal técnico provincial xa está a redactar un proxecto de mellora da seguranza viaria para a estrada provincial EP-0307 Peso-Caroi. O nacionalista así llo confirmou durante unha visita ao concello da Lama ao alcalde, Jorge Canda, con quen supervisou as obras provinciais de instalación dunha nova drenaxe para o rego da Brexa, que acaban de finalizar.

Benítez indicou que a futura actuación na EP-0307, nun treito de aproximadamente dous quilómetros, "é moi necesaria dado o mal estado da estrada" e avanzou que o proxecto do Departamento de Mobilidade será "moi digno" para a veciñanza que ten que transitar polo lugar cara os núcleos da Lama, Ponte Caldelas ou Fornelos de Montes. "Entendemos que hai moitas deficiencias, de feito xa está pintada de amarelo para indicar as futuras obras. Buscaremos unha proposta viable que permita unha mellora do trazado cunha solución a moitos puntos nos que é difícil o cruce de dous vehículos e a reposición do firme", apuntou.

Estas declaracións do nacionalista realizáronse durante a visita ao concello, na que tamén estiveron presentes o xefe de servizo de Mobilidade, Francisco Alonso, e o director da obra realizada na contorna do rego da Brexa, Manuel González Juanatey. Alí, Benítez comprobou a correcta execución da instalación da nova drenaxe para que as augas do afluente do río Barbeira crucen con seguridade á estrada provincial na zona da curva.

Segundo explicou o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, a nova estrutura de drenaxe no punto quilométrico 4+950 permitirá o paso da corrente e aportará estabilidade á estrada incluso para o tránsito de vehículos pesados. Hai que lembrar que debido aos continuos temporais de choiva, así como ao paso frecuente de camións, producírase un afundimento dun extremo da vella drenaxe, que trouxo como consecuencia o seu taponamento parcial, o que facía desbordar o regato por riba da estrada.

A nova actuación, iniciada a mediados de xaneiro, contou cun orzamento de 99.999,99 euros. Os problemas coas chuvias fixeron que fose necesaria a paralización das obras durante un tempo mais finalmente todos os traballos puideron rematarse dentro do prazo previsto. O persoal operario comezou coa limpeza e roza do terreo, seguido do movemento de terras (escavación de noiros e realización de desmontes) e execución da soleira de formigón no lugar de colocación dos caixóns prefabricados. Unha vez colocado o caixón, executouse o muro de cachotería co posterior recheo ata chegar á cota da explanada da curva para logo executar os peraltes correspondentes. Entón colocáronse as capas de saburra, de grava-emulsión e por último unha capa de rodaxe de aglomerado en quente. Finalmente executouse a parte de proteccións e sinalizacións co pintado da sinalización horizontal e a colocación da bionda. Todo isto completouse cunha pequena actuación para tapar un pequeno oco que quedou entre a antiga curva da estrada e a executada tras a construción da nova drenaxe.

A mellora da drenaxe do rego da Brexa sitúase xusto no medio da futura actuación que se está a proxectar para a estrada Peso-Caroi.