Noticias

Benítez anuncia o interese da Deputación por mellorar a estrada provincial do barrio da Estación en Arbo

O deputado de Mobilidade recibiu hoxe o alcalde arbense e destacou a importancia de aproveitar as actuacións na zona para a promoción turística do Miño


02 mar 2016

O deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, e a nova directora de Mobilidade da institución, Isabel Pardo de Vera, reuníronse hoxe co alcalde de Arbo, Horacio Gil Expósito, para falar da mellora da rede viaria provincial dentro do municipio. Unha das iniciativas polas que o nacionalista mostrou máis interese foi a recuperación e urbanización da estrada provincial que leva á estación do tren (EP-5203), xa que, xunto coa mellora do propio edificio de Adif, podería supoñer unha actuación de gran valía para a promoción turística do río Miño. No encontro tamén se falou das actuacións que a Deputación pontevedresa ten previstas en Arbo ao abeiro do Plan MOVESE, que pretende mellorar a seguranza viaria das estradas mediante o calmado do tráfico.

Segundo explicou o deputado de Mobilidade, os servizos técnicos provinciais están a valorar nestes momentos as obras que se executarán grazas ao Plan MOVESE, que consisten en instalar pasos de peóns sobreelevados, redutores físicos da velocidade e zonas 30 nas vías de titularidade provincial. Hai que lembrar que o concello de Arbo conta con seis vías provinciais cunha lonxitude total de máis de 18 quilómetros nos que hai puntos de gran densidade peonil que precisan dunha actuación para garantir a mobilidade a pé dos veciños. De feito, o Concello de Arbo solicitou actuacións en todas as vías, pero prioritariamente para a EP-5201 Arbo-Cabeiras-Barcelas, xa que hai un colexio nas inmediacións e precísase moderar a velocidade dos vehículos no contorno.

En canto á actuación na EP-5203, entre a PO-400 e a estación do tren, Benítez recolleu a petición "prioritaria" do alcalde para urbanizala e sinalou que o proxecto se estudará e terá en conta. O deputado comprometeuse a facer unha visita en persoa á zona, da que lembrou é un conxunto arquitectónico que conta cun plan especial de protección. Así mesmo, Benítez destacou que a mellora da estrada debería ir conxugada con outras actuacións de maior calado, coma a propia recuperación do edificio da estación, polo que lle propuxo a Gil Expósito un traballo global para desenvolver iniciativas que permitan potenciar a zona como atractivo turístico arredor do río Miño. Neste sentido, Benítez lembrou que a Deputación lidera varios proxectos de cooperación transfronteiriza para conseguir fondos europeos, investilos nas ribeiras do Miño e potenciar o espazo da raia como un destino turístico natural de calidade. 

Fotos