Noticias

Barro acolle este sábado o obradoiro O Museo en Camiño para que a rapazada coñeza os fondos do Museo provincial e se imbúa do espírito Xacobeo

Terá lugar de 11 a 13 horas na biblioteca municipal con nenas e nenos de 6 a 12 anos. As prazas xa están cubertas


22 abril 2021
O museo en camiño

Este sábado 24 de abril terá lugar en Barro o segundo obradoiro O Museo en Camiño, un programa didáctico polo que o Museo de Pontevedra se convirte en itinerante para facer chegar a nenas e nenos de dez poboacións da ruta portuguesa a Santiago de Compostela os seus fondos e tamén o espírito do Xacobeo.

Unha iniciativa de carácter plástico e creativo co Museo como protagonista estase a desenvolver no marco do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia. No caso do concello de Barro, desenvolverase na biblioteca municipal, de 11 a 13 horas, e está dirixido a nenas e nenos de 6 a 12 anos e nestes momentos ten xa todas as súas prazas cubertas.

Os fondos da institución chegarán á cativada da man dunha ‘maleta viaxeira' con réplicas de pezas consideradas esenciais para o Museo de Pontevedra: o Tesouro de Caldas, a Laxe das Picadas, o busto bifronte de Xano, o miliario romano de Salcedo, o retablo de San Acacio, un Santiago Pelegrín do século XVII, a obra Santa María desde A Caeira de Sobrino Buhígas, unha autocaricatura de Castelao, a obra O Mercado de Carlos Maside, A Terra de Manuel Torres, Santa Trega de Lugrís, e Mulleres parolando de Luis Seoane. Todas elas foron escollidas polos colectivos creadores do programa, Taller abierto e Paspallás, por seren unha mostra representativa do que é o gran colector cultural que é o Museo e serán a base sobre a que desenvolver unidades didácticas para traballar contidos relacionados coa historia, a arte e o patrimonio.

Ademais, está programada unha exposición no Museo de Pontevedra para o mes de setembro coa que se pechará o percorrido "coa intención de trasladar todo o vivido ao público".