Noticias

Baiona, Cangas e Cerdedo-Cotobade reciben máis de 450.000 € a través do Plan Concellos 2018 da Deputación

Os cartos destinaranse á reurbanización do acceso á igrexa de Belesar, ampliarase o almacén en Cerdedo-Cotobade e en Cangas mellorarase a rede de abastecemento


15 setembro 2018
Plan Concellos 2018-2019

A Deputación de Pontevedra, en Xunta de Goberno, vén de aprobar tres novos investimentos a outros tres municipios da provincia no marco do vixente Plan Concellos 2018. Trátase de tres partidas por un total 456.958,08 euros para Baiona, Cerdedo-Cotobade e Cangas.

Para Baiona, o Goberno provincial deulle o visto bo a unha partida económica de 168.995,46 euros para a reurbanización e acondicionamento do acceso á igrexa de San Lourenzo de Belesar e da praza Antonio Taboada Tabanera tamén en Belesar. Con este novo investimento aprobado, Baiona leva recibido este ano, a través do Plan Concellos 2018, máis de 417.000 euros do total asignado a este municipio, que ascende a un total de 1.582.966 euros.

Para Cerdedo-Cotobade, a Deputación vén de aprobar unha achega de 165.495,27 euros que se destinarán para ampliar o almacén municipal cunha nova planta superior. A través do Plan Concellos 2018, Cerdedo-Cotobade ten este ano a súa disposición un total de 1.244.234,93 euros, dos que ata agora xa recibiu algo máis de 928.000 euros.

Para Cangas, a Xunta de Goberno aprobou un investimento de 122.467,35 euros para proxectos de mellora de abastecemento e saneamento nos núcleos de Arneles, Gandón e Pepe Durán. Con esta nova achega, Cangas ten recibido ata agora este ano polo Plan Concellos 2018 algo máis de 1,5 millóns de euros dun total de 1.887.110,87 euros.