Noticias

Todos os concellos de menos de 20.000 habitantes piden, por primeira vez, axudas da Deputación para igualdade e prevención de violencias machistas

A presidenta, Carmela Silva, destaca que a repartición íntegra dos 230.000 euros previstos demostra que os concellos "teñen cada día máis compromiso"


24 xullo 2021
Axudas para igualdade

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra deu luz verde na súa última sesión á concesión de axudas para o fomento da igualdade e a prevención da violencia de xénero nos concellos de menos de 20.000 habitantes, que ascenden a 230.000 euros. A presidenta, Carmela Silva, amosou o seu orgullo porque a totalidade dos 51 municipios da provincia que entran neste rango de poboación teñan solicitado as subvencións, "o que significa que estamos a conseguir que os concellos teñan cada día máis compromiso co fomento da igualdade para as mulleres e coa loita contra as violencias machistas".

Carmela Silva asegurou que estas axudas permitirán "poñer en marcha actuacións que teñen que ver cunha das nosas grandes prioridades: as políticas de igualdade". Con elas poderán subvencionarse proxectos e actividades de sensibilización, formación e prevención da violencia machista, iniciativas das mesas locais ou proxectos para a mellora da atención integral ás vítimas de violencia de xénero (fillas, fillos e persoas dependentes ao seu cargo).

Tamén terán cabida programas e actuacións destinadas a mulleres en situación de especial vulnerabilidade ou con singulares dificultades encamiñados á mellora da formación, emprendemento e a inserción laboral desas mulleres. Ademais, a través destas subvencións os concellos tamén poderán poñer en marcha a creación de redes e servizos de apoio que favorezan a corresponsabilidade e conciliación da vida persoal.

Estas axudas aprobadas en Xunta de Goberno son un exemplo máis do compromiso que a Deputación de Pontevedra mantén en materia de igualdade e súmanse ás subvencións dirixidas ás entidades de iniciativa social aprobadas xa pola Administración provincial co mesmo fin.


Novas relacionadas