Noticias

As voces das avoas galegas e as súas experiencias, protagonistas na acción de "Violencia Zero" en Cuntis: "Ai, nena, iso antes era así"

Tabú é a recompilación de historias reais de mulleres de avanzada idade falando das súas experiencias íntimas de xuventude a través da narración oral de Carmen Conde


29 outubro 2019
Violencia Zero

Visibilizar as experiencias amorosas e tamén sexuais de moitas avoas galegas como punto de partida para reivindicar a igualdade e a loita contra as violencias machistas foi o obxectivo da acción de "Violencia Zero" esta tarde en Cuntis, da man de Carmen Conde co seu espectáculo Tabú nas instalacións do CPI Aurelio Marcelino da vila. O auditorio encheuse de rapazas e rapaces de 1.º a 4.º da ESO que interactuaron coa artista. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, asistiu a esta penúltima acción da cuarta edición do programa provincial acompañada da deputada Ana Laura Iglesias, a comisaria do programa, Paula Cabaleiro, e o alcalde de Cuntis, Manuel Campos.

A través da narración oral, Carmen Conde relatou historias de mulleres galegas de avanzada idade que lle contaron as súas primeiras experiencias de adolescencia e xuventude en relación co amor ou co sexo e que forman parte do seu proxecto, de nome Tabú, co que percorreu Galicia durante seis meses para falar con elas. Conde contou, ás veces desde o humor e ás veces desde a dor máis profunda, historias de amor, desamor, abandono, mitos da menstruación ou embarazos non desexados de mulleres, avoas agora, pero novas entón, que sufriron vexacións, estigmas, maledicencias e mesmo violacións no seo do seu matrimonio. Historias de abusos e desigualdades que, non obstante, elas mesmas desdramatizaban. "Ai, nena, iso antes era así…", dicíanlle.

"Elas eran capaces de falar de violacións sen ningún tipo de gravidade, coma quen fala do prezo do pan", relatou Conde. "Aprendín que elas e nós somos coma a terra; que nos sementaron, araron e colleitaron ao antollo doutro, pero elas seguiron a vivir", dixo a artista. "Fixeron o que parecía imposible, e desde elas queda roto o tabú. Todas e todos vós tedes o poder e a responsabilidade de cambiar a historia".

A presidenta provincial, Carmela Silva, tamén se dirixiu ao alumnado para "facer unha reflexión optimista, aínda que a situación sexa tan grave. Cremos tanto en vós que estamos seguras de que ides ser a xeración que remate coa insoportable lacra das violencias machistas". Silva lembrou que xa son 49 as mulleres asasinadas este ano, "case as mesmas que en todo o ano pasado", pero tamén vinculou estas cifras á loita pola igualdade. "Lembrade que nunca as nenas estiveron tan apoderadas, lembrade que somos a metade da poboación, que somos máis tituladas, que sacamos mellores notas e que estamos mellor formadas que eles", dixo a presidenta. "Por iso tedes que reclamar, porque as nosas capacidades, como pouco, son as mesmas que teñen os homes". Silva rematou poñendo en valor "estas acciones que provocan unha reflexión colectiva, porque a cultura ten un poder transformador que nos axuda a ter actitudes activas".

Cunha última acción prevista no concello de Nigrán para o día 11, a cuarta edición de "Mulleres en Acción. Violencia Zero" volveu reunir o traballo de 25 artistas especializadas en diferentes modalidades coma a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, todas elas vinculadas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero. Esta cuarta edición comezou en novembro de 2018 e tivo lugar novamente en 25 concellos (Vigo, Pontevedra, Ponteareas, Salceda de Caselas, Vilaboa, Mos, Ponte Caldelas, Cambados, Vilagarcía de Arousa, Barro, Lalín, O Grove, Silleda, Tomiño, Poio, As Neves, A Illa de Arousa, Baiona, Cangas, A Guarda, Forcarei, Gondomar, Meis, Cuntis e Nigrán).