Noticias

As visitas ao Centro de Xestión do Coñecemento Arqueolóxico de Liñares crecen nun 5 %

As instalacións que acolle o Pazo localizado no Deza rexistran nos seis primeiros meses preto de cinco mil visitantes


25 xullo 2018
Centro de Xestión do Coñecemento Arqueolóxico de Liñares

O Centro de Xestión do Coñecemento Arqueolóxico (CXCA) de Liñares rexistrou nos seis primeiros meses do ano 2018 un incremento sobre o número de visitas do ano precedente dun cinco por cento. O CXCA radicado no Pazo Liñares en Lalín case rexistrou unhas cinco mil visitas neste primeiros seis meses, o que demostra o interese que esperta. De feito, o ano pasado as visitas anuais achegáronse ás dez mil nos doce meses, o que fai aos seus responsables ser moi optimistas sobre o número final neste 2018, dado que o maior número de visitantes se rexistra sempre nos meses do inverno.

En canto ás visitas a este centro cabe destacar, desde a aprobación da ordenanza reguladora do prezo público polos servizos técnicos do centro no pasado mes de maio, a dun grupo aproximado de 60 alumnas e alumnos do IES A Xunqueira I de Pontevedra e con alumnas e alumnos italianos de intercambio. Tamén unha investigadora da Universidade de Santiago que quería traballar sobre as mostras "arqueobotánicas" e de sedimento recuperadas nas diferentes campañas do Monte do Castro coa finalidade de realizar unha selección das mesmas e as análises correspondentes para o proxecto de investigación.

O Pazo de Liñares conta con dúas zonas destinadas ao estudo da historia da provincia de Pontevedra. Por unha banda, unha área expositiva na que se concentran milleiros de pezas relacionadas cos xacementos galaico-romanos que está aberta a todo o público de xeito gratuíto. Trátase dun espazo polo que nun ano pasaron xa máis de 120.000 pezas, algunhas delas tan destacadas como o "askós" de procedencia mediterránea, un peite fabricado en óso, unha espada de bronce ou unha ánfora de procedencia bética.

Por outra parte, Liñares conta tamén cunha zona de traballo e investigación na que é posible afondar sobre o desenvolvemento histórico da provincia de Pontevedra. Este espazo, tamén visitable, está destinado ao coñecemento, estudo e á investigación, que precisa garantir unhas medidas de seguridade e control de temperatura e ambiente determinadas. Tamén poden acceder gratuitamente a este espazo de investigación aqueles grupos de centros de educación regrada non superior, pública e privada, así como membros de Universidades, públicas e privadas, en visitas organizadas por estas entidades. Tamén  poden acceder de xeito totalmente gratuíto as persoas que acrediten estar realizando tarefas de investigación en centros ou universidades públicas ou aquelas outras que acrediten relevancia, interese patrimonial e conexión do servizo solicitado cos fins propios do centro, así como as que incidan na súa investigación e na difusión do patrimonio ou as que están a traballar para a protección, conservación, posta en valor e difusión do patrimonio arqueolóxico.