Noticias

As Vilas Termais aproban demandar á FEMP que reclame o cambio da lexislación de aproveitamento das augas termais

A Deputación de Pontevedra demandou na asemblea anual das localidades termais que as augas deixen de depender da lexislación de minas para ser consideradas como un recurso hídrico


21 abril 2018
Asamblea de Vilas Termais da FEMP en Ariño (Teruel)

O deputado Carlos López Font defendeu ante a Asemblea de Vilas Termais da FEMP que as augas mineiro-medicinais deixen de ser consideradas como un recurso mineiro e polo tanto sometidas á lexislación de minas para ser tratadas na normativa como calquera outro recurso hídrico do país. Esta modificación da consideración do recurso suporía que a titularidade das augas termais sexa pública e non como acontece agora que estas augas son privadas e dependen de cada  empresa que solicita unha concesión da súa explotación á dirección xeral de Minas.

A Deputación de Pontevedra xunto os alcaldes e alcaldesas das vilas termais da provincia veñen reclamando ese cambio da lexislación que ao longo das décimo terceiras xornadas de vilas termais da FEMP que hoxe se clausurou na localidade de Ariño (Teruel) centrou parte do debate. De feito, a presidencia da comisión de vilas termais da Federación Estatal de Municipios e Provincias elevou hoxe a proposta de cambio da lexislación á asemblea polo amplo consenso entre os alcaldes e alcaldesas de toda España.

Carlos López Font destacou que as augas termais ao depender da lexislación de Minas supoñen unha situación anómala na normativa nacional que provocan situacións como que o explotador destas augas teñan a exclusividade a pesares de non usar a totalidade do manancial que aflore en calquera localidade do país e no seu entorno. "O cambio de consideración das augas como de titularidade pública non suporía ningún problema para as actuais empresas que as explotan pero garantiría que os concellos puideran usar os sobrantes dos recursos para outro tipo de actividades como sistemas de calefacción xeotérmica, entre outros aproveitamentos".

A proposta aprobada pola asemblea de cidades termais elevarase a xunta directiva da Federación Estatal de Municipios e Provincias (FEMP) para que defenda diante do Goberno do Estado un cambio na consideración destas augas como calquera outro recurso hídrico.

O deputado provincial, por último, valorou como moi positivo o encontro que tivo lugar durante os dous últimos días en Ariño polo acordo adoptado "despois de tantos anos" para impulsar este cambio de lexislación tan necesario para o futuro de todas as localidades con recursos termais. Tamén quixo agradecer ao alcalde de Ariño, Joaquín Noé, polas atencións prestadas a todas as persoas integrantes da comisión de vilas termais da FEMP.