Noticias

As vexacións sexistas foron o principal foco de represión que sufriron as mulleres da comarca de Vigo e do Val Miñor

Así se pon de manifesto no estudo que deu lugar á mostra "Rexas. Mulleres baixo o terror franquista", organizada pola Deputación, e que poderá verse no Centro Cultural do Porriño ata o vindeiro 29 de xuño


14 xuño 2018
Rexas Porriño

"Rexas. Mulleres baixo o terror franquista", a exposición, organizada pola Deputación para reparar ás vítimas do Alzamento do 1936, ponlle rostro e nome a 172 pontevedresas que foron perseguidas, asasinadas, encarceradas e que, ademais, por mor da súa condición de mulleres, foron obxecto de vexacións de corte sexista. A mostra foi inaugurada esta tarde no Centro Cultural do Porriño, onde poderá visitarse ata o vindeiro 29 de xuño. O acto de apertura incluíu unha conferencia que foi presentada polo deputado provincial de Cultura e Lingua, Xosé Leal, e na que interviñeron a comisaria, a xornalista e escritora Montse Fajardo, e Blanca Francés, neta e bisneta de dúas das mulleres vexadas que recolle a mostra.

Xosé Leal aproveitou a súa intervención para indicar que "a memoria histórica, e nomeadamente a memoria da represión sufrida polas mulleres, merece ser coñecida e recoñecida, para que a súa loita pola legalidade e a liberdade permaneza viva e para darlle o valor que sempre debeu ter". Pola súa banda, a comisaria da exposición, Montse Fajardo centrouse na investigación previa que deu pé á mostra e fixo fincapé en que "as mulleres foron asasinadas, exiliadas, depuradas, vexadas, e foron vítimas das mesmas tipoloxías de represión que os homes pero ademais sufriron unha violencia con claras tinturas sexistas e foron rapadas, tatuadas e agredidas sexualmente". A comisaria tamén explicou que a represión tiña aínda unha compoñente máis no caso feminino "non só sufriron represión polas súas implicacións políticas ou sindicais, senón tamén por estar emparentadas con homes perseguidos". Tamén reivindicou o papel das mulleres que quedaron soas, marcadas como roxas, mentres os seus homes foran asasinados ou permanecían no cárcere. No caso concreto da comarca de Vigo e do Val Miñor, Fajardo explicou que "esta zona é a que máis nomes aporta á mostra, con 43 mulleres", mentres que "no caso concreto do Porriño é un municipio con gran peso en Rexas, principalmente polo protagonismo que adquiren no panel dedicado ás vexacións sexistas tres familias do municipio relacionadas entre si: a dos Francés, a dos Fernández Miniño, e a dos Valverde".

"Rexas. Mulleres baixo o terror franquista" foi unha mostra organizada xa no pasado exercicio polo Departamento provincial de Cultura e Lingua e que fixera un percorrido por varios concellos da provincia. Debido á alta demanda de concellos e asociacións que traballan na recuperación e na reparación da memoria histórica, a Deputación decidiu manter a mostra na súa programación do ano 2018. Así, tras iniciar a súa itinerancia en Bueu e Cuntis, e unha vez remate a súa quenda no Porriño, está previsto que tamén pase por Valga, Cangas, Tomiño e Cambados.

Mulleres represaliadas na comarca de Vigo e do Val Miñor

As vexacións sexistas e tres familias do municipio relacionadas entre si: a dos Francés, a dos Fernández Miniño, e a dos Valverde, son os principais focos de represión que reflicte a mostra en relación ao Porriño.

Rexas recolle a historia de Orícera Carpintero, a quen os fascistas lle mataron os tres fillos: Eleazar, Antonio e José Francés Carpintero. Ademais raparon as súas fillas Josefa e Asunción e a súa nora Loreto Pereiro, viúva de Eleazar. Loreto defendera a República nas barricadas de Lavadores xunto a Asunción, que tras o triunfo do golpe estivo presa doce anos, entre outros no durísimo cárcere de Saturrarán.

A viúva de José Francés Carpintero chamábase Elena Valverde. Ademais do home, os fascistas matáronlle o seu irmán Víctor e coa mágoa, a muller deste, Emilia, abortou. A irmá de Elena, Saladina Valverde, tivo ao seu home agochado durante tres anos nun tobo para que non o mataran. Chamábase Antonio Fernández Miniño e os fascistas matáranlle a tres irmáns: José, Eduardo e Rogelio.

Na maioría dos municipios galegos, as rapas leváronse a cabo nas casas das vítimas ou nos cuarteis de cívicos, falanxistas ou garda civil. Sen embargo, no Porriño, para aumentar a humillación das mulleres, fíxose unha rapa colectiva e pública nun palco instalado na praza pública entre risas e apupos. Logo as rapadas, entre as que estaban as irmás Francés e Loreto, foron obrigadas a pasear polas principais rúas da vila. Os castigos sexistas teñen gran protagonismo en Rexas que acolle outros nomes da comarca como o de Peregrina Comesaña, viguesa rapada aos 15 anos, ou o de Ofélia Weninger, veciña de Lavadores que sufriu abusos sexuais por parte dos fascistas tras o asasinato do seu home, Enrique Gómez o Acuña. Como pasou cos Francés ou os Miniño, tamén foron tres os irmáns asasinados: ademais de Enrique, Manuel e Alfonso Acuña Gómez.

Ao igual que Loreto e Asunción, moitas mulleres da contorna participáran activamente nas barricadas de xullo e algunhas mesmo perderon a vida. Foi o caso de María Suárez e Dolores García, nas de Vigo ou Concepción Peréz e Marina Rial, unha nena de tan só once anos, nas de Lavadores. Outras lograron salvar a vida in extremis, como Urania Mella secretaria da Unión de Mulleres Antifascistas, foi condenada a morte para logo reducirlle a pena a doce anos e recluíla en Saturrarán, de onde saíu gravemente enferma, morrendo ao pouco tempo. Tamén foron levadas a Saturrarán por participar nas barricadas de resistencia ao golpe de Estado as veciñas do Porriño Marina Torres e Josefa Rivero.

Mais destaca especialmente o número de veciñas da contorna que foron asasinadas polos golpistas polo "delito" de prestar axuda aos fuxidos e delas faise eco a mostra. Como Dolores Samuelle Álvarez, Perfecta de Nigrán, Emilia Cabaleiro Amoedo de Cabeiro (Redondela), Florentina Fernández Alonso, a Cataplina, de Mos ou as veciñas de Lavadores Matilde González, Mercedes Posada, Ángela Iglesias Rebollar, a Protestante, Mariana do Lazo Estévez ou Carmen Gómez Domínguez.

A exposición non só lembra as vítimas da represión fascista senón tamén, como o propio nome anuncia, homenaxea a valentía de mulleres que no peor dos tempos se mostraron rexas na defensa da legalidade democrática. Foi o caso da operaria da conserva Flora de Dios, que xunto a outras republicanas insultou aos soldados na porta do Sol, mostrando ás armas o peito espido, sendo logo condenada a doce anos. Ou o de María Araújo Martínez, que liderou en Vigo o sindicato de Conserveiras e tras o golpe agochouse e colaborou coa guerrilla na zona de Redondela sendo detida e encerrada coa máis pequena das súas fillas, Dora, de apenas un ano. Logo exiliouse a Cuba onde apoiou a revolución, chegando a ser condecorada por Fidel Castro.

A historia de 172 mulleres

A exposición conta as historias de 172 mulleres, algunhas delas feitas públicas por primeira vez, a través de 78 fotografías. Está dividida en tres bloques, sendo o primeiro o da contextualización histórica, que conta que o golpe de Estado supuxo unha quebra dos dereitos da República tanto no relativo ás clases como desde o punto de vista das mulleres, que despois pasaron a ser tuteladas por varón, igrexa ou a sección feminina.

A segunda parte da exposición, a máis longa, analiza as diferentes tipoloxías de represión e mostra que, a pesares de que as cifras amosan que os homes son maioría nas listaxes de vítimas, as mulleres non só padeceron as mesmas tipoloxías de represión ca eles, senón que ademais foron obxecto de vexacións de corte sexista aplicadas non só a aquelas cidadás significadas política ou sindicalmente, senón tamén ás familiares de homes perseguidos: foron rapadas, agredidas sexualmente, tatuadas, arrastradas con cordas ou obrigadas a bailar espidas diante da xente.

Finalmente, a terceira e última parte da mostra dedícase a recoñecer o labor solidario e resistente das mulleres, o seu apoio imprescindíbel á guerrilla, aos fuxidos, á xente presa e ás súas familias, ás viúvas e criaturas orfas, así como o seu protagonismo na transmisión da memoria.