Noticias

As Subvencións Ágora 2021 permitirán recuperar espazo público para as persoas gañándollo aos coches

A presidenta, Carmela Silva, destaca a "complicidade" dos concellos para aplicar os principios Ágora e destaca que moitos dos proxectos do ReacPon serán realidade co modelo de mobilidade provincial


04 agosto 2021

As Subvencións Ágora 2021 permitirán recuperar preto de 100.000 metros cadrados de espazo público para as persoas gañándollo aos coches. Así o anunciou hoxe o deputado de Mobilidade e Espazo Público Uxío Benítez, quen deu a coñecer que a Xunta de Goberno deste venres aprobará axudas a 39 concellos da provincia por valor de máis de 2,2 millóns de euros para executar proxectos e obras que permitirán incrementar de forma notoria o espazo peonil existente nas vilas e transformar a provincia seguindo un modelo de calidade urbana.

Acompañado da presidenta, Carmela Silva, Benítez deu conta hoxe das subvencións. Destacou que a Deputación creou Ágora, unha rede de acción institucional cos concellos para valorizar o espazo público como un dereito fundamental das persoas e co obxectivo de poñer en marcha políticas de recuperación do espazo público e de obter resultados cuantitativos de cara a 2023. Para iso, explicou, puxéronse en marcha diversas iniciativas como a Facultade Ágora de formación técnica, o asesoramento aos concellos, e tamén as subvencións deste 2021 para incentivar a redacción de proxectos e execucións de obras seguindo as filosofías de poñer ás "persoas primeiro".

As subvencións Ágora chegarán a 39 concellos da provincia. Segundo explicou o deputado Benítez, repartiranse 1.550.000 euros entre 31 concellos que solicitaron subvencións no Eixe 1 -para redactar proxectos-, recibindo cada un 50.000 euros; e 666.682,9 euros no Eixe 2 -de execución de obras-, con montantes de ata 100.000 euros.

Todos eles cumpriron os criterios de incrementar máis dun 50 % o espazo peonil existente e crear zonas exclusivas para as e os peóns de máis de 300 metros, de feito, os números multiplicáronse e unha vez que se executen os proxectos do Eixe 1 obteranse máis de 82.300 metros cadrados para as e os peóns, o que supón un incremento do 231,65 % no ámbito de actuación. No caso do Eixe 2, gañaranse 13.702,43 metros cadrados para as persoas, un aumento do 176,90 %.

Como conclusión e dato máis simbólico o deputado de Mobilidade destacou que unha vez executados os proxectos subvencionados por Ágora a provincia vai ter case 100.000 metros cadrados gañados de espazo público para as persoas "grazas a este pequeno impulso encarnado na Rede Ágora de subvencións de 2,2 millóns de euros". "Esa é unha consecuencia que buscaba a "Rede Ágora, incentivar aos concellos para crear espazos para as persoas", destacou.

 

Por comarcas

No Baixo Miño, recibiron subvención do Eixe 1 -50.000 euros- os concellos da Guarda, para os proxectos de humanización da rúa Joaquín Alonso; O Rosal, para a remodelación da praza do Calvario; Salceda de Caselas, para a reurbanización da rúa Ador; o Concello de Tui, para a mellora e rexeneración na Corredera e contorno; e o concello de Tomiño, na Liña 2 (obras) para a mellora de mobilidade entre equipamentos da rúa República Arxentina (83.017,43 euros). En total recuperaranse nesta comarca grazas ás subvencións Ágora arredor de 11.200 metros cadrados de espazo público.

No Condado-Paradanta, recibiron subvención do Eixe 1 -50.000 euros- os concellos de Ponteareas, para a recuperación do contorno da praza de Bugallal e da casa do concello; As Neves, para o acondicionamento da praza de Santa María de Liñares; Mondariz, para a humanización das prazas de España e Domingo Blanco e a rúa Ramón y Cajal; Mondariz-Balneario, para a recuperación do espazo do contorno dos hoteis; A Cañiza para a humanización da rúa Antonio Facorro; e Salvaterra de Miño para a humanización da rúa Marqués de Viana; e no Eixe 2, o concello de Covelo (86.131,79 euros) para a implantación de corredores verdes. En total recuperaranse nesta comarca grazas ás subvencións Ágora preto de 13.000 metros cadrados de espazo público.

No Val Miñor, recibiron subvención do Eixe 1 -50.000 euros- os concellos de Gondomar, para a adecuación da praza de Rosalía de Castro e o seu contorno; o Concello de Baiona, para o paseo de Ribeira, e a reordenación da igrexa Santa Liberata; o Concello de Oia para a humanización da estrada Vella; e no Eixe 2 para o Concello de Nigrán para a humanización da rúa Gaivota (46.530,77 euros). En total recuperaranse nesta comarca grazas ás subvencións Ágora preto de 12.000 metros cadrados de espazo público.

No Porriño, o concello recibiu unha subvención de 94.700 euros (preto do máximo de 100.000) para a humanización da rúa Manuel Rodríguez, que permitirá recuperar preto de 1.600 metros cadrados de espazo peonil, o que supón máis do 300 % de incremento con respecto á actualidade.

Nos concellos de Pazos de Borbén e Soutomaior recibíronse sendas subvencións de 50.o00 euros para os proxectos de recuperación e acondicionamento do contorno da igrexa e campo da feira en Moscoso e a humanización da praza Civadevila e a rúa Rosalía de Castro en Arcade. En total recuperaranse nesta comarca grazas ás subvencións Ágora preto de 8.000 metros cadrados de espazo público para as persoas fronte aos coches.

En Deza-Tabeirós recibíronse sendas subvencións de 50.o00 euros para os proxectos de Silleda para a mellora da mobilidade peonil do centro de Bandeira; e de Vila de Cruces para a mellora da rúa Vazquez; así como no Eixe 2 para o Concello da Estrada para a humanización da praza da Feira, o máximo de 100.000 euros. En total recuperaranse nesta comarca grazas ás subvencións Ágora máis de 7.000 metros cadrados de espazo público para as persoas fronte aos coches.

Na comarca de Pontevedra concedéronse axudas no Eixe 1 -50.000 euros- aos concellos de Poio, para a recuperación dos contornos tradicionais e a mellora da mobilidade peonil entre Casalvito e O Padrón; o Concello de Ponte Caldelas, para a reordenación da praza Frei Antonio Orge; e para o Concello de Cercedo-Cotobade, para a recuperación do espazo público na parroquia de Tenorio. En total recuperaranse nesta comarca grazas ás subvencións Ágora máis de 3.600 metros cadrados de espazo público para as persoas fronte aos coches.

Na Comarca de Caldas, obtivo subvención o Concello de Caldas de Reis para a mellora do contorno do Campo de Torre e a rúa San Roque; o Concello de Catoira, para a humanización e recuperación do contorno da casa do concello; e o Concello de Valga, para a creación dunha senda na estrada municipal Campaña-Laxes; e o Concello de Portas, tamén para o contorno do concello. En total recupéranse 13.000 metros cadrados para as persoas.

Na Comarca do Salnés concedéronse axudas no Eixe 1 -50.000 euros cada unha para redacción de proxectos- ao Concello de Sanxenxo, para a redacción do proxecto do soterramento do tráfico rodado para a humanización da plataforma superior do paseo da praia de Silgar; ao Concello do Grove, para a humanización da rúa Alexandre Bóveda; ao Concello de Meis, para a humanización do contorno do CPI de Mosteriro, capela de Mosteiro e as conexións coa praza de España; ao Concello de Meaño, para ao acceso amable desde Ponte Dena ao bordo costeiro; e no Eixe 2 a Vilagarcía de Arousa, 100.000 euros (o máximo) para as obras de humanización da rúa Arzobispo Lago; e ao Concello de Ribadumia para a execución das obras de mellora do contorno dos centros escolares e deportivos de Barrantes. En total recupéranse 18.000 metros cadrados para as persoas, a cifra máis alta das comarcas da provincia.

Na Comarca do Morrazo concedéronse axudas no Eixe 1 -50.000 euros cada unha para redacción de proxectos- ao Concello de Marín, para a humanización do contorno do mercado de abastos de Seixo; o Concello de Bueu, para a humanización do contorno da rúa Nova de Arriba na parroquia de Beluso; ao Concello de Vilaboa, para a humanización do contorno da casa do concello no Toural; e no Eixe 2 (obras) a Moaña, por valor de 56.302,76 euros, para as obras de mellora do contorno da casa do concello. En total recupéranse uns 9.000 metros cadrados para as persoas grazas ás subvencións na comarca.

Datos de recuperación de metros cadrados de espazo público individualizados

Ágora, base dos proxectos financiados na liña 3 do ReacPon

Carmela Silva puxo moi en valor a complicidade dos concellos "que se suman ao cambio con valentía para transformar" o que fai que Pontevedra sexa "unha provincia referencia na recuperación do espazo público posto que ningunha outra ten un proxecto tan potente como o noso". A presidenta provincial destacou que "nos últimos seis anos fomos capaces de cambiar o modelo de vilas, pobos e cidades, de facer entender que transformar significa mellorar a vida da xente, o que se fai dun xeito particular coa recuperación do espazo público". Para Silva "recuperar o que é noso" favorecerá a todas as persoas e beneficiará especialmente ás crianzas, persoas maiores e mulleres.

Ademais, destacou, "somos unha gran referencia en cumprimento da Axenda 2030, en todo o que ten que ver cos Next Generation e coas dez políticas panca do Goberno do Estado. Creo que estamos incluso un paso por diante porque nós centrámonos en recuperar o espazo público entendéndoo como un dereito fundamental". De feito, o fincapé por devolverlle ás persoas os lugares que lles foron arrebatados fai que "a provincia está irrecoñecible pero a finais de 2023 o cambio vai a ser tan transcendental que seremos o exemplo a seguir". Carmela Silva destacou tamén que "moitos dos proxectos do ReacPon e do Plan Concellos van na liña de cumprimento dos principios Ágora, o que permitirá que se cumpran os datos de recuperación do espazo público" que se esperan acadar.

Seguindo estas palabras, o deputado Benítez insistiu en que ás subvencións Ágora para a redacción de proxectos servirán de base para a execución das reformas urbanas que se executarán grazas á liña 3 do ReacPon. Explicou que ao seren avisados con tempo, os concellos sabían que na convocatoria de axudas de Ágora debían apostar pola redacción de proxectos, para así telos listos para as novas axudas do plan de reactivación da provincial. Insistiu en que moitos dos proxectos subvencionados por Ágora poderán optar a axudas de fondos europeos como o IDAE ou tamén doutras institucións.

Audios

  • Audio
    Rolda de prensa de Carmela Silva e o deputado Uxío Benítez concesións de subvencións Ágora