Noticias

As rutas etnoarqueolóxicas do ano do patrimonio continúan este domingo en Cotobade

Trátase dunha ruta interpretativa que ten como tema central as pegadas dos canteiros na aldea abandonada de Arufe


19 xullo 2017
Presentación da ruta en Cotobade

Cotobade acollerá este domingo, entre as 10:30 e as 14h, a segunda das cinco rutas etnoarqueolóxicas que o departamento de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra pon en marcha no programa de actividade do Ano do Patrimonio. Trátase de rutas interpretativas que conectan o medio natural e o patrimonio dunha zona coa tradición dunha técnica ou oficio. En Cotobade o tema central será a cantería, cun percorrido pola aldea abandonada de Arufe, na que se conservan importantes pegadas desta técnica tanto en casas tradicionais como en outras construcións típicas do rural galego, como os hórreos ou os palomares. Así o fixeron público esta mañá na presentación no concello de Cotobade o alcalde da localidade, Jorge Cubela, e o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal.  

"Tal e como se viu na primeira das rutas, celebrada o pasado mes en Forcarei, este tipo de accións  espertan un gran interese entre a veciñanza dos lugares onde se realizan, xa que aproveitan para recuperar prácticas e saberes que aínda permanecen na súa memoria colectiva" asegurou Xosé Leal. O deputado indicou ademais que "deste xeito pretendemos achegar o patrimonio a todo tipo de públicos, deseñando actividades accesibles e atractivas, porque sabemos que o que non se coñece non se valora, e polo tanto non se ten idea da importancia da súa conservación". Pola súa banda, o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, indicou que precisamente na aldea de Arufe "comezamos o ano pasado a traballar na recuperación deste roteiro, que limpamos a través dun campo internacional de traballo, e agora con esta experiencia do Ano do Patrimonio vimos a continuar coa súa posta en valor". Cubela cualificou como "un acerto" que se inclúa este roteiro no programa de experiencias etnoarqueolóxicas da provincia, e lembrou que foi bautizado co nome dun veciño ilustre de Cotobade, Antón Fraguas.

Cotobade, terra de canteiros

A ruta  partirá da Casa do Concello, en Carballedo, ás 10:30 horas e discorrerá por un percorrido circular de 7 quilómetros de dificultade baixa, o que o fai apto para todo tipo de públicos. Como guía actuará o arqueólogo Fran Alonso e ao remate do percorrido o canteiro Marcos Escudero realizará unha explicación técnica sobre o elementos de cantería máis destacados do lugar. A aldea de Arufe é un enclave no que se conserva un núcleo de 5 casas de pedra e outros elementos típicos da sociedade rural e agrícola como os hórreos, lavadoiros e palomares. Esta aldea permanece abandonada desde antes dos anos 70 e é un lugar moi visitado sobre todo por turistas. Nesta ocasión, as persoas participantes na ruta etnoarqueolóxica poderán coñecela desde outra perspectiva. A participación é gratuíta e é preciso realizar unha inscrición previa no teléfono do Concello -986 760 001, extensión 3- .

Este programa de itinerarios comezara coa ruta sobre o mel e a cera de Forcarei, e tras a da cantería en Cotobade, continuará en Mondariz Balneario coa carpintería como eixo central, en Oia coas redeiras, e en Mos coa cerámica. Para todas se establecerá un límite de participación de 50 persoas, e o horario será de 10:30 a 14:00h.

As rutas etnoarqueolóxicas entran no marco das técnicas de arqueoloxía experimental, cuxo obxecto é dar a coñecer o patrimonio histórico e natural de forma divulgativa e lúdica, pero sen perder o rigor e a perspectiva científica. Estas rutas están deseñadas a través de percorridos de escasa dificultade, e serán guiadas por expertos que explicarán o contexto xeográfico, histórico e natural relacionado con cada unha das temáticas escollidas para cada experiencia. Todas as rutas finalizarán cunha actividade explicativa sobre a materia, que no caso de Forcarei será o canteiro Marcos Escudero.