Noticias

As ruínas de San Domingos e a praza do Edificio Castelao do Museo serán escenario dos sons da prehistoria e a música inventada de Neønymus

O músico Silverius de Ura dará dous concertos en Pontevedra o vindeiro xoves 16 mesturando tecnoloxía e harmonías vogais antigas


08 setembro 2021
Concertos de Neonyumus

O Museo de Pontevedra vai acoller o vindeiro xoves 16 de setembro dous concertos de ‘Neønymus', un proxecto musical de Silberius de Ura que levará ás persoas participantes a pasar dos sons da prehistoria á ‘música inventada'. Serán dous eventos singulares, Historia inventada de música inventada para público familiar, ás 16:30 h, na praza do Edificio Castelao, e Ecos da prehistoria, ás 21 horas, nas ruínas de San Domingos. Para asistir a calquera deles é preciso reservar praza previamente en reservas.museo@depo.gal, xa que a capacidade é limitada.

Nos concertos de Neønymus, caracterizados por ser eventos cativadores e sorprendentes, Silberius de Ura crea en directo unha moi persoal mestura de voces, sons e pequenos instrumentos, utilizando unha atrevida combinación de tecnoloxía e harmonías vocais de música antiga, chegando a parecer imposible que unha soa persoa sexa capaz de encher máis dunha hora con música dunha enorme intensidade e riqueza tímbrica e rítmica.

Neønymus é quizá unha proposta musical única. O seu espectáculo traslada ás persoas asistentes a lugares imaxinarios que recrean paisaxes sonoras da antigüidade, ás veces cunha enorme carga emocional e un notable sentido de transcendencia: son unha viaxe exploratoria pola intimidade cultural e espiritual do ser humano, pero condimentado con humor e múltiples relatos.

Ata o de agora, Neønymus ofreceu máis de 600 concertos en España, Francia, Rusia, Italia e Portugal, moitos deles en lugares moi singulares: mosteiros, ermidas, covas paleolíticas, castelos en ruínas e tamén en museos (MAN, MUPAC, MEH, MECyL, MUSAC, etc.), teatros e conservatorios de música. Tamén concertos didácticos en centros de ensino e centros culturais.

Silberius de Ura (o artista detrás de Neønymus) comezou o seu proxecto musical en solitario en 2010, tras recibir distintas influencias e inspiracións dos artistas noruegueses que pasaron por Covarrubias, Burgos (o seu lugar de residencia), durante os últimos eventos de Notas de Noruega. Non en balde, a "ø" barrada do seu nome, é unha homenaxe tanto a esta influencia, como á existencia da princesa norueguesa Kristina Håkonsdatter, enterrada en Covarrubias.

Silberius de Ura criouse dacabalo entre a cidade de Burgos e unha pequena aldea (Ura) situada nun val agreste, sen electricidade nin auga corrente nas casas, e onde o único acceso con vehículos era por un camiño en mal estado. Quizá este contraste entre a modernidade do século XX e unha forma de vida rural austera e case medieval, sexa o motivo da fascinación de Silberius pola comuñón do tecnolóxico co primitivo.

O seu disco "Ø", gravado no mosteiro de Santo Domingo de Silos, converteuse en número 1 de vendas en Amazon e iTunes España. En 2018 recibiu o Premio ao Mellor Espazo Sonoro no prestixioso Festival Europeo de Artes Escénicas FETEN, pola música composta para a obra teatral En busca do lume, da compañía Arawake Theatre. O seu BSO da serie de TV Conquistadores Adventvm foi finalista a nivel mundial nos recoñecidos premios MUSIC & SOUND AWARDS 2018 competindo contra Hans Zimmer, que foi o gañador.