Noticias

As restricións da capacidade da sala obrigan a reducir a 60 persoas as asistentes ás II Xornadas de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra

A deputada María Ortega anima a todas as persoas interesadas a seguir os relatorios en directo a través da web da Deputación


10 setembro 2020

As restricións da capacidade da sala derivadas da situación sanitaria da COVID-19 en Pontevedra acaban de obrigar á Deputación de Pontevedra a reducir drasticamente as persoas asistentes ás II Xornadas de Memoria Histórica. Na Loita Contra a Impunidade que terán lugar mañá e pasado no Pazo da Cultura.

Inicialmente foran admitidas 125 persoas –por orde de inscrición–, mais coas modificacións da capacidade da orde da Consellería de Sanidade publicada na noite de onte unicamente será posible dispoñer do espazo para un máximo de 60. A pesares de que a intención do Departamento de Memoria Histórica era a de permitir a maior asistencia posible, dado a que o cambio se produciu apenas un día antes das xornadas, non foi posible buscar unha localización alternativa en exterior nin xestionar un protocolo para unha autorización específica. 

A deputada de Memoria Histórica, María Ortega, ante a situación, animou ás persoas que finalmente quedaron fóra das xornadas (ás que lles comunicou telefonicamente o cambio) a que sigan os relatorios en directo a través da páxina web da Deputación. Así mesmo, lamentou as molestias ocasionadas ás e ós inscritos que tiñan previsto trasladarse a Pontevedra incluso desde fóra de Galiza.

As II Xornadas de Memoria Histórica da Deputación analizarán como se pasou da ditadura á democracia no 78 cun discurso pactado, homoxéneo e acrítico coas institucións e organismos implicados poñendo de manifesto as súas eivas e erros.

Entre as persoas relatoras está Ángeles Díez, doutora en Ciencias Políticas e Socioloxía da Complutense, que afondará desde o punto de vista político como segue a haber vestixios do franquismo na nosa sociedade, en institucións, e organismos que apenas mudaron cando rematou o réxime e se iniciou o suposto Estado de Dereito, o que ela define como ‘francocracia'. Tamén se abordará este tema cunha perspectiva de país con Xulio Padra, autor do libro Galicia en Transición.

Falarase da perspectiva da loita nos tribunais, contando con Goretti Sanmartín, impulsora desde a Deputación da Coruña da Xunta pro Devolución do Pazo, e con Xabier Ferreira, profesor da USC e responsable do informe xurídico de Meirás. Neste sentido, a deputada María Ortega aproveitou para criticar que as institucións están a darlle as costas á Memoria, algo que desde a Deputación de Pontevedra se quere rachar, xa que considera que é un deber para as e os representantes da cidadanía "loitar polas liberdades" e acompañar aos colectivos e familias.

Seguindo coas xornadas, destacou que o venres pola tarde farase unha visita á Illa de San Simón, unha icona e símbolo da Memoria Histórica para a que a Deputación está a esixir un plan de usos e que sexa declarada Illa da Memoria. Será unha xornada na que ademais organizar un roteiro a cargo de Matías Rodríguez, se realizarán dúas intervencións de Luís Bará para falar das políticas públicas de memoria na Galiza, e de Enriqueta Otero, presidenta da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica de Marín e filla de Eduardo Otero Molas, preso en San Simón, que falará da loita civil pola memoria das vítimas.

O sábado estará en Pontevedra a Cristina Fallarás, unha persoa moi crítica co papel dos medios de comunicación no relato da Transición. Falarán logo Jacinto Lara, Irene Francés e Jana Calero, integrantes da equipa da avogacía da querela arxentina, e continuarase cunha homenaxe ao represaliado Chato Galante, que faleceu este ano.

Xa pola tarde tocará a quenda da mesa redonda con Tareixa Navaza desde a prensa; Margarita Ledo desde o cine; Xurxo Souto na música da transición; Santi Cortegoso no teatro ou o propio Alberto San Juan, que fará un monólogo sobre a monarquía titulado Autorretrato de un joven capitalista.