Noticias

As obras financiadas pola Deputación de Pontevedra en Crecente poñen fin aos cortes de auga en Albeos e amplían a rede de saneamento do rural

O deputado de Cooperación, Santos Héctor, e o alcalde, Julio César García-Luengo, valoran a adquisición dun brazo rozador como unha aposta do Concello polo mantemento do viario municipal


27 abril 2021
Obras en Crecente

A veciñanza dos lugares de Pazo e Outeiro, na parroquia de Albeos, xa non terá que estar pendente dos frecuentes cortes de auga gracias ás obras de renovación da rede de abastecemento financiadas polo Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. Por outra banda, os traballos permitiron ampliar o saneamento en Coedros (Quintela) e Mandelos (Vilar). O deputado provincial de Cooperación, Santos Héctor, e o alcalde de Crecente, Julio César Garcia-Luengo, visitaron estas obras e comprobaron, ademais, a funcionalidade dun novo brazo mecánico rozador para o mantemento das estradas municipais financiado pola Deputación. O investimento total alcanzou os 64.000 euros.

Durante a visita, na que tamén participou a deputada Olga García, destacouse o valor que estas obras teñen dentro do compromiso medioambiental da Deputación. Santos Héctor explicou que, por unha banda, garántese un aforro de auga en Albeos acabando coas fugas continuas e as importantes perdas durante as avarías da obsoleta rede e, por outra, se eliminan fosas sépticas nas parroquias de Quintela e Vilar. O deputado destacou a vocación de dotar de servizos de calidade a todo o rural da provincia de Pontevedra, contribuíndo así a afrontalo reto demográfico. Santos Héctor concluíu remarcando a colaboración constante da Deputación co municipalismo a través de financiamento regrado e en cantidade suficiente para que os concellos decidan as actuacións máis necesarias.

O alcalde, Julio César García-Luengo destacou que os cartos do Plan Concellos "están moi ben aproveitados" e destacou que este instrumento "vennos moi ben aos concellos de menos de 5.000 habitantes". "É un Plan que mellora a calidade dos servizos para as nosas veciñas e veciños", concluíu.

As obras de abastecemento en Pazo renovaron e instalaron preto de 400 metros de tubaxes, o que permitiu mellorala rede e levar o subministro, cun novo ramal, a catro vivendas. Con este proxecto aproveitouse a marxe da estrada provincial de Pazo para construír un tramo de senda peonil que mellora moito a seguridade viaria nunha zona moi utilizada pola veciñanza. A obra garante, ademais do aforro de auga, a eliminación de sedimentos previndo así as avarías nos electrodomésticos da veciñanza. En Outeiro substituíronse outros 210 metros de tubos e renováronse outras 5 acometidas para modernizar tamén a súa rede de abastecemento. En canto ao saneamento en Coedros e Mandelos acometéronse dous novos ramais con lonxitudes próximas aos 100 metros para ampliar as redes existentes a partir do colector secundario. Con elo garántese a chegada do servizo ás últimas vivendas dos núcleos.

No que atinxe ao novo brazo rozador, a máquina ven substituír á anterior, que presentaba continuos fallos e xa non resultaba funcional. Cun custo superior aos 22.000 euros, ten un alcance de 5 metros e está dotado dun cabezal de corte mínimo de 1,30 metros. Con esta maquinaria, o Concello poderá continuar prestando un mantemento fundamental para a seguridade viaria, así como a limpeza dos camiños e a prevención contra os incendios forestais. Crecente conta con máis de 100 km de vías municipais.

A Deputación achegou case 5 millóns de euros ao Concello de Crecente desde 2015. Con cargo ao Plan Concellos de 2021 xa ten concedidos 405.610 euros, unha dotación económica que financia boa parte dos investimentos municipais, pois servirá para acometer un total de 9 obras para seguir mellorando o saneamento en Albeos, Mandelos e Varóns e realizar pavimentacións en Carreira, Pousa, Parada, Surreiro, Castro, Lameiro, Lobariñas, Fonterrastrada, Paredes, Regueiro, Paradela, Pazo, Mollapán e Freixo. Por outra banda, o Concello de Crecente beneficiouse do Plan DepoRemse, acondicionando os accesos ao CEIP, Residencia e Centro de Saúde, cun investimento provincial de 450.000 euros, e do Plan de Reequilibrio co edificio polideportivo, pistas de pádel e mellora dos accesos da rúa García Neira (outros 370.403 euros). Este ano tamén contratará a 8 persoas desempregadas con financiamento da Deputación.

Fotos