Noticias

As obras de recuperación do espazo e mellora da mobilidade peonil na EP-0508 Curro-San Amaro, en Barro, xa están en marcha

As actuacións, adxudicadas por máis de 220.000 euros financiados integramente pola Deputación, servirán para recuperar a contorna da Praza de San Amaro


21 outubro 2021
Comezo Obras Barro

A Ep-0508 Curro-San Amaro no concello de Barro, ao seu paso pola Praza de San Amaro, está comezando a transformarse nunha contorna viaria segura e tranquila, en sintonía co modelo de mobilidade amable e sostible da Deputación, grazas inicio das obras de recuperación do espazo e mellora da mobilidade peonil na estrada. As actuacións foron adxudicadas por  219.165 euros e están sufragadas na súa totalidade pola institución provincial, que achega o 70% do orzamento a través dun convenio con Barro e sufraga a parte que lle corresponde ao municipio -o 30% restante- a través do Plan Concellos.

Os traballos teñen un prazo de execución de seis meses e recuperarán contorna da  Praza de San Amaro, unha zona de gran tradición e valor patrimonial que atravesa o Camiño Portugués a Santiago. Neste senso, acondicionarase a estrada provincial co fin de mellorar a funcionalidade da vía e a súa seguridade tanto para o tráfico rodado como peonil.

Máis polo miúdo, as obras consisten na creación dunha zona de convivencia elevada a 10 centímetros da rasante da estrada actual e na que terán prioridade as e os peóns. Para o deseño da nova praza, na que se sitúa a Capela de San Amaro, empregaranse pavimentos de pedra e dotarase á mesma de mobiliario urbano moderno. Ademais, a estrada provincial contará cunha nova rede de pluviais e fecais así como con novo alumeado público con luminarias LED, máis respectuosas co medio ambiente. Na EP-0508 tamén se levará a cabo o soterramento das liñas de electricidade e os traballos completaranse coa instalación dunha nova sinalización horizontal e vertical así como co acondicionamento de todo o ámbito coa plantación de árbores.