Noticias

As obras de 35 artistas conforman a exposición Novos Valores 2019, que poderá verse desde o xoves no Museo de Pontevedra

A mostra inclúe os traballos de Alba Castillo, Mohamed El Amine Asselman, Rosa Pardal e Elena Matamoro, premiados con bolsas de 7.500€ para ampliar os seus estudos


01 agosto 2019
Novos Valores 2019

"Con esta iniciativa, desde a Deputación de Pontevedra queremos apoiar o talento poñendo a disposición das e dos novos artistas os recursos necesarios para promocionar e dar a coñecer o seu traballo", sinalou esta mañá o vicepresidente do organismo provincial, César Mosquera, ao anunciar que a edición 2019 de Novos Valores se inaugurará no Museo de Pontevedra o xoves, día 8, ás 20:00 h.

Serán un total de 35 artistas os que conformarán esta mostra que poderá verse no edificio Sarmiento ata 0 15 de setembro e que incluirá tamén os traballos dos catro premiados con bolsas de 7.500€ destinadas a ampliar os seus estudos artísticos. Esta institución favorece, deste xeito, que as e os aspirantes máis brillantes teñan a oportunidade de perfeccionaren a súa formación, continuando así co histórico mecenado que, con diferentes fórmulas, se vén exercendo desde o último terzo do século XIX.

Así mesmo, o director do Museo, José Manuel Rey García, destacou a importancia destes premios que, ademais da aportación económica, contan cun segundo compoñente, "xa que estes catro artistas terán a oportunidade de expoñer no Museo as creacións resultantes da formación que realicen con estas bolsas".

As obras Ordensound, de Mohamed El Amine Asselman, e La mirada que escucha, de Elena Matamoro Gómez de los Infantes, así como a fotografía Habitación n.º A, de Rosa Pardal Aragunde, e a escultura Maleza, de Alba Castillo Costa, foron os traballos galardoados polo xurado desta edición, composto polo director do Museo de Pontevedra, José Manuel Rey García; a artista e profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte de Pontevedra Itziar Ezquieta Llamas; a crítica e comisaria de arte Mercedes Rozas Caeiro; a decana da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, Silvia García González; o director do MARCO, Miguel Fernández-Cid Enríquez; a crítica e profesora da Facultade de Belas Artes de Pontevedra Susana Cendán Caaveiro; o deputado Carlos López Font, e o secretario da Deputación de Pontevedra, Carlos Cuadrado Romay.

Ademais, o tribunal seleccionou, entre as 110 obras presentadas ao concurso, outras 31 que, xunto ás das persoas premiadas, formarán parte da exposición Novos Valores 2019. Así, o público asistente terá a oportunidade de contemplar desde o vindeiro xoves no claustro do edificio Sarmiento un total de 7 gravados, 3 debuxos, 7 pinturas, 5 esculturas, 9 fotografías, 1 obra audiovisual e 3 pezas doutros tipos.

Relación de obras e autores seleccionados

Desastres cotidianos (agua), de Laura García Calleja; Parlamento de líneas X, de Alejandra Lago Alejandre; Después de Dios, de Noa Castro Lema; Detracción, de José Eiras Martínez; Tempestad, de Ramiro Elias; Aislados. Ons, de María Monserrat Gay Varela; Fragmento de una erosión, de María García Fernández; Simbiose, de Aida López Fernández; Vértigo, de Belén Diz Juncal; 12-25 / 71-84 Procesos do esvaecerse, de Alexandra Rodríguez Rey; Gentlemen prefer gangs, de Cristian Enrique Gradín Carbajal; Sobre, en, tras y a través de ella, de Andrés Couso Vázquez; Más allá de las llamas, de Rebeca López Villar; O Alquimista, de Roi Barros Castro; Narval Emboscado e Avante Carballo, de Laura Herreros Cepeda; As túas caricias, de Carlos Fernández López; Ras al Hancut, de Diego del Río Comesaña; Todo volve empezar, de Alberto Ardid de Cabo; Tributo Bob Marley, de Wedyla Rodrigues de Alcántara; Maleza, de Alba Castillo Costa; El secreto, de Nuria Rodríguez Figueiredo; La utilidad de lo inútil, de Rodrigo García Giráldez; Esencia do segredo, de Teresa Pece Montenegro; Ordensound, de Mohamed El Amine Asselman; Táboa espida, de Vicente Pillado Domato; La mirada que escucha, de Elena Matamoro Gómez de los Infantes; Habitación n.º A, de Rosa Pardal Aragunde; Un punto atrás, de Rocío Araujo Martínez; Exo-órganos, de Claudio Luis Pato Díaz; La ciudad de los Muchachos, de Jonathan Rodríguez González; O oso, de Roberto de la Torre Camiña; Lume, de Carmen Quintáns Varela; A soidade das árbores, de Alejandro Gómez Martínez; Pretexto de madre, de Ana Gil Trigo, e As necesidades dos outros, de Jaime Olmedo Feijoo-Montenegro.

Fotos